ABANCA pon en marcha o segundo Programa de Aceleración ABANCA Innova para start-ups tecnolóxicas
- O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, presentou a iniciativa, unha das máis importantes dentro da estratexia de innovación do banco
- A primeira edición culmina cun investimento por parte do banco en Senseitrade, start-up de análise de tendencias de investimento en redes sociais
Descarga los contenidos anexos
- Presentación Segunda Edición Programa ABANCA Innova Presentación Segunda Edición Programa ABANCA Innova
- Presentación do segundo Programa de Aceleración ABANCA Innova para start-ups tecnolóxicas O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, presentou a iniciativa, unha das máis importantes dentro da estratexia de innovación do banco.
A segunda edición do Programa de Aceleración ABANCA Innova, iniciativa creada por ABANCA para apoiar o desenvolvemento de start-ups tecnolóxicas, dará comezo o próximo 25 de xullo e estará orientado principalmente a proxectos de emprendemento no sector asegurador.
O Programa, que foi presentado hoxe nun acto que tivo lugar na sede de ABANCA Innova coa presenza do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, culminou a súa primeira edición, iniciada en 2017, cun investimento directo por parte da entidade financeira en Senseitrade, start-up galega de análise de tendencias de investimento a través de redes sociais. Esta operación ten por obxectivo apoiar á compañía emerxente no seu desenvolvemento e crecemento.
“A través do Programa de Aceleración ABANCA Innova queremos fomentar o nacemento e desenvolvemento de novas empresas tecnolóxicas que ofrezan solucións innovadoras aplicables á actividade financeira”, destacou Francisco Botas.
Arranca a segunda edición
A segunda edición do Programa de Aceleración ABANCA Innova está dirixida principalmente a start-ups que operen no segmento insurtech: compañías que ofrezan solucións tecnolóxicas innovadoras para o mercado asegurador. Outros segmentos contemplados son o fintech e o regtech, así como tecnoloxías como o blockchain ou o bigdata.
ABANCA Innova ofrece ás start-ups participantes un completo paquete de apoio destinado a dotarlles de coñecemento de xestión e recursos económicos e materiais para madurar e desenvolver o seu proxecto de emprendemento. Por unha banda, ABANCA Innova pon á súa disposición diversas accións de formación e mentoring para axudar á compañía a deseñar o seu modelo de negocio e axustar o seu produto ás necesidades do mercado. Xunto a iso, ofrécelles o financiamento necesario a través da concesión de préstamos participativos e a posibilidade de recibir investimento directo en capital. Outros beneficios que o programa proporciona ás start-ups son a utilización de espazos de coworking nas instalacións de ABANCA Innova ou o uso de Amazon Web Services.
A convocatoria para a presentación de candidaturas abrirase o 25 de xullo a través da web www.abancainnova.com e pecharase o 14 de setembro. O 20 de setembro realizarase unha primeira selección entre as propostas recibidas para elixir as que participarán no Programa de Aceleración. As start-ups que resulten elixidas afrontarán, xa dentro do Programa, unha primeira fase de tres meses, do 1 de outubro ao 20 de decembro, enfocada ao deseño e validación do seu modelo de negocio. A finais de decembro realizarase outra selección entre as start-ups, da que sairán as que pasarán á seguinte fase, tamén de tres meses de duración, que terá lugar entre o 7 de xaneiro e o 19 de abril e estará centrada na experimentación en mercado. Tras ela terá lugar unha presentación pública dos proxectos. O proceso de aceleración entrará entón na súa última fase, que se estenderá durante seis meses, de maio a outubro de 2019, e estára centrada no seguemento e proba de concepto.
Formación e recursos económicos
Na súa primeira edición, o Programa de Aceleración recibiu 35 candidaturas de proxectos empresariais de base tecnolóxica orientados aos sectores fintech, insurtech e regtech.
Tras superar a fase de selección, as cinco mellores iniciaron un proceso de acompañamento de cinco meses deseñado por ABANCA Innova co obxectivo de axudarlles a construír o seu proxecto. Este proceso articulouse a través de máis de 60 accións de difentes tipos: pílulas informativas, mentorización, estratexia, networking e participación en eventos. As start-ups participantes tiveron á súa disposición un equipo de 16 mentores con experiencia en diferentes campos relacionados coa tecnoloxía, o emprendemento e a xestión do negocio.
Ademais de formación, asesoramento e infraestrutura, o cinco proxectos participantes recibiron financiamento a través de préstamos participativos. Adicionalmente, un deles, Senseitrade, recibiu un investimento directo no seu capital a través do vehículo investidor do banco, ABANCA Invest. Senseitrade é unha compañía galega de análise de redes sociais e internet para detectar tendencias en bolsa. A súa app suma xa 15.000 descargas desde o inicio.
Proxecto estable e a longo prazo
O Programa de Aceleración é unha das actividades máis destacadas de ABANCA Innova, un centro de actividade multipolar lanzado por ABANCA en 2017 cunha dotación de 10 millóns de euros para fomentar o desenvolvemento da innovación e a tecnoloxía en Galicia.
Na súa intervención Francisco Botas explicou as bases conceptuais dunha iniciativa que figura entre as máis importantes lanzadas polo banco no campo da innovación. “ABANCA Innova nace da unión de catro sinais de identidade fundamentais do banco: o compromiso coa nosa contorna, a colaboración co tecido empresarial e emprendedor, a permamente actitude innovadora e a aplicación da tecnoloxía á actividade financeira”, sinalou.
Ademais do programa de aceleración, ABANCA Innova acolle outras moitas actividades englobadas en dous grandes bloques: o Programa de Intraemprendemento ABANCA Innova by Kickbox, orientado ao desenvolvemento de proxectos ideados por empregados do banco, e o Observatorio de Tecnoloxías Emerxentes, centrado na difusión de coñecemento ao redor de tecnoloxías como o blockchain.
ABANCA Innova cumpriu o seu primeiro ano de vida e opera xa a pleno rendemento. Desde a súa posta en marcha foi escenario de 80 eventos que congregaron a 1.400 asistentes, mantivo contactos de diferentes tipos (aceleración, acordos, colaboracións, financiamento, etc.) con 408 empresas, 272 delas start-ups, e acolleu a 8 compañías no seu viveiro de empresas, que presenta un grao de ocupación do 100% da súa capacidade. Dentro da súa actividade tamén se inclúe o apoio financeiro a TokApp, start-up tecnolóxica galega que desenvolveu unha plataforma de mensaxería directa con máis de 500.000 usuarios en 10 países.