ABANCA potencia a súa rede de axentes financeiros para crecer no negocio patrimonial
- O banco reforzará a canle axencial co obxectivo de posicionala en cinco anos entre as primeiras redes do mercado
- O servizo enfocarase principalmente a clientes de banca persoal e privada e será complementario ao do resto de canles do banco
ABANCA potenciará a súa rede de axentes financeiros para apoiar a súa estratexia de crecemento en España e impulsar o negocio de patrimonios medios e altos. A entidade marcouse como obxectivo ata 2027 posicionar esta unidade entre as primeiras redes axenciais do mercado cun modelo complementario ao resto de canles do banco, no que prima a calidade de servizo ao cliente.
O plan estratéxico deseñado por ABANCA para consolidar este servizo externo contempla o reforzo do equipo de axentes e colaboradores no conxunto do territorio nacional. A unidade seguirá focalizada na atención a clientes de banca persoal e privada a través dun servizo financeiro global e especializado, adicional ao que o banco presta a través da súa rede de oficinas e canles a distancia.
A oferta financeira da rede de axentes de ABANCA reforzarase cunha ampla gama de fondos de investimento e solucións de aforro e aseguramento, así como produtos exclusivos de ABANCA Privada. Ademais, os clientes poderán acceder a través destes profesionais a servizos de alto valor do banco, como a xestión discrecional de carteiras ou o asesoramento fiscal especializado, entre outros.
“A estratexia de crecemento da canle axencial de ABANCA baséase nun modelo que prioriza a calidade do servizo ao cliente. Para iso, contaremos cun catálogo de produtos altamente competitivo e un equipo de profesionais especializados e de alto desempeño, orientados ao cliente e á achega de negocio de alto valor engadido”, destaca César Morano, director de Redes Externas de ABANCA.
Aínda que se trate dunha rede externa, ABANCA promoverá a formación continua como panca para desenvolver o talento dos seus axentes financeiros, así como a interiorización da cultura, os valores corporativos e a forma de facer banca característicos da entidade galega.
A canle de axentes financeiros de ABANCA iniciou a súa actividade en 2021, tras a integración das redes axenciais procedentes de Bankoa ABANCA e Novo Banco. Nos dous últimos anos, a entidade desenvolveu este servizo externo coa incorporación de novos profesionais, así como a implementación de melloras no catálogo de produtos e servizos, e nas ferramentas e procesos operativos. En Portugal, ABANCA dispón dunha rede de 27 axentes financeiros, que a converten nun dos principais operadores neste ámbito nese país.