ABANCA potencia o seu catálogo de investimento para banca privada co fondo de renovables Dunas Clean Energy I, FCR
- O banco amplía as opcións de investimento alternativo que ofrece aos seus clientes e segue avanzando na súa estratexia de apoio á descarbonización da economía
ABANCA incorporou ao seu catálogo de produtos para clientes de banca privada o fondo de capital risco de enerxías renovables Dunas Clean Energy I, FCR. Deste xeito o banco amplía as súas opcións de investimento alternativo e segue avanzando na súa estratexia de apoio á descarbonización da economía no marco do seu Plan de Acción de Banca Sostible e Responsable 2021-2024.
“O acordo con Dunas Capital permítenos poñer a disposición dos nosos clientes de banca privada unha nova opción de investimento descorrelacionada do comportamento dos mercados, co atractivo adicional de operar nun sector en auxe dados os obxectivos de incremento de xeración de enerxías renovables fixados a nivel europeo no proceso de descarbonización e electrificación da economía”, explica Javier Rivero, director de Banca Privada de ABANCA.
Dunas Clean Energy I, FCR é un fondo de capital risco que ten por obxecto o desenvolvemento de proxectos de xeración eléctrica a través de fontes renovables (principalmente fotovoltaica) que se atopen en estado avanzado, listos para construír ou xa en operación, e localizados fundamentalmente en España.
Dunas Clean Energy I, FCR está xestionado por Dunas Capital Asset Management, plataforma independente de xestión de activos mobiliarios, inmobiliarios e alternativos. O fondo clasifícase como artigo 9 do Regulamento de divulgación ou SFDR (EU Sustainable Finance Disclosure Regulation) e presenta un limiar de investimento mínimo para clientes particulares de 50.000 euros (500.000 euros para institucionais).
A inclusión de Dunas Clean Energy I, FCR no catálogo de banca privada de ABANCA súmase a outras accións desenvolvidas polo banco nos últimos exercicios co obxectivo de ofrecer aos seus clientes novas opcións de investimento. Algúns exemplos desta estratexia, desenvolvida en alianza con compañías internacionais de referencia, son a firma dun acordo estratéxico con Edmond de Rothschild; a comercialización, como única entidade en España, do fondo Neuberger Berman Direct Private Equity 2022 ELTIF; ou a incorporación ao seu catálogo de produtos do fondo BlackRock Private Equity Opportunities ELTIF.