ABANCA prepara a segunda exposición que achegará a León a súa Colección de Arte
- Baixo o título ‘A mirada contemporánea’ poderanse contemplar obras de referencia da segunda metade do século XX de artistas como Chillida, Miquel Barceló, Millares ou Tàpies
- A mostra chega á cidade tras o éxito de público obtido o pasado outono pola exposición ‘Baixo o signo de Picasso’, que superou os 25.000 visitantes
ABANCA prepara a segunda exposición que achegará a León os fondos da súa Colección de Arte dentro do convenio asinado o pasado verán coa Xunta de Castela e León e o Concello. A proposta preséntase baixo o título ‘A mirada contemporánea’ e abrirase ao público no Museo de León o 16 de maio, onde poderá visitarse ata o 16 de xullo.
A mostra permitirá contemplar na cidade un total de 27 obras da Colección de Arte ABANCA e ofrece ao público leonés unha nova oportunidade para coñecer mellor este fondo artístico tras a exposición ‘Baixo o signo de Picasso’, organizada o pasado outono.
Para esta segunda exhibición seleccionáronse 21 artistas de máximo interese para entender a arte española da segunda metade do século XX, entre eles nomes de referencia a nivel internacional como Antoni Tàpies, Jorge Oteiza, Leopoldo Nóvoa, Eduardo Chillida, Manolo Millares, Antonio Saura, Luis Gordillo, Rafael Canogar, Carlos Alcolea, José Manuel Broto, Miquel Barceló ou Francisco Leiro.
Con esta proposta o banco espera manter o interese do público leonés, que brindou unha excelente acollida á primeira exposición organizada polo banco na cidade. Máis de 25.000 persoas achegáronse a descubrir as vangardas artísticas a través das creacións de autores clave dentro da historia da arte como Picasso, Salvador Dalí, Juan Gris ou Braque, todos eles presentes na Colección de Arte ABANCA.
A calidade e variedade do fondo artístico do banco, que suma máis de 1.350 obras de 200 artistas de máximo nivel, ofrece múltiples posibilidades para deseñar proxectos expositivos de gran interese e temática variada, sempre coa arte moderna e contemporánea como eixo vertebrador, como estes dous que se organizaron especificamente para o público de León.