ABANCA presenta a súa nova tarxeta ‘Tú NX’ xunto aos xogadores do ABANCA Ademar
- A entidade financeira, acompañada polo equipo leonés, mostra a nova imaxe da súa tarxeta de débito para o segmento novo
- A tarxeta, para clientes de ata 35 anos, sitúase como unha das mellores do mercado, xa que é gratuíta e permite retiradas en caixeiros de todo o mundo
ABANCA elixiu o Club Balonmán Ademar León para presentar a nova imaxe da súa tarxeta de débito para os máis novos, que pasa a denominarse ‘Tú NX’. A entidade financeira, primeiro patrocinador do club, reuniu esta mañá na súa oficina principal na capital leonesa aos xogadores do primeiro equipo ademarista para dar a coñecer o novo deseño da tarxeta, cuxas vantaxes a sitúan como unha das máis atractivas do mercado.
No acto participaron, ademais dos xogadores e de membros da directiva do ABANCA Ademar, o director de zona de ABANCA en León Centro, Marcos Álvarez; a directora da oficina principal de ABANCA en León, Pilar Redondo, e o director da oficina de León-Ramón e Cajal, Jesús Mazaira. Despois de entregar unha tarxeta a cada un dos xogadores, Marcos Álvarez indicou que “para ABANCA é un orgullo que os integrantes do primeiro club leonés sexan embaixadores da nosa nova tarxeta ‘Tú NX’ e poidan gozar de todas as súas vantaxes, pois lles permite operar en todo o mundo e coa máxima accesibilidade”.
A nova tarxeta de débito de ABANCA para o segmento novo incorpora como novidades a nomenclatura ‘Tú’ e o formato vertical, atributos de proximidade e adaptabilidade ao cliente replicados da tarxeta de crédito ‘Tú’, o plástico de referencia da entidade financeira.
Gratuíta e operativa en todo o mundo
Tú NX’ é unha tarxeta de débito contactless gratuíta (sen comisión de emisión, renovación nin mantemento anual, nin tampouco comisión de cambio de divisas no estranxeiro), aceptada en comercios e caixeiros de todo o mundo, que se dirixe ao segmento de clientes de entre 12 e 34 anos. Permite retirar efectivo gratis en caixeiros de ABANCA e ata cinco reintegros de diñeiro ao mes fóra de Galicia (Red Euro 6000, Bankia, Banco Sabadell, Bankinter, Caja de Arquitectos e Caja Ingenieros) e outros cinco en calquera rede internacional.
Ademais, os titulares desta tarxeta de débito de ABANCA gozan de descontos en gasolineiras Galp e en centos de establecementos co programa de Privilexios Euro 6000. Outra das vantaxes deste produto é que incorpora un seguro gratuíto asociado de roubo ou atraco en caixeiro e uso fraudulento. Todas estas condicións sitúan a tarxeta ‘Tú NX’ entre as mellores do mercado no segmento de clientes máis novos.