ABANCA presenta en Madrid Espazo Serrano 45, a súa oficina máis aberta, dixital e sostible
- Con Espazo Serrano 45 a entidade evoluciona o seu modelo de relación cos clientes a través de centros máis especializados, tecnolóxicos e conectados co medio ambiente
- As instalacións cumpren os requisitos máis esixentes de eficiencia enerxética, control de consumos, aforro de auga e calidade do aire
Descarga los contenidos anexos
- Presentación de Espazo Serrano 45. Intervención de Juan Carlos Escotet 2021.12.02. Declaracións do presidente de ABANCA durante o acto de inauguración da nova oficina do banco en Madrid, máis aberta, dixital e sostible.
- Presentación de Espazo Serrano 45. Intervención de Francisco Botas 2021.12.02. Declaracións do conselleiro delegado de ABANCA durante o acto de inauguración da nova oficina do banco en Madrid, máis aberta, dixital e sostible.
ABANCA inaugurou esta tarde en Madrid Espazo Serrano 45, un centro innovador, dotado da tecnoloxía máis avanzada e construído en base aos criterios de sostibilidade máis esixentes, en liña co compromiso da entidade co medio ambiente. Con Espazo Serrano 45, a entidade dá un paso decisivo na evolución do seu modelo comercial e na forma de relacionarse cos seus clientes, co obxectivo de ofrecerlles unha experiencia e confort diferenciais co mínimo impacto ambiental.
O novo espazo, de 630 metros cadrados e situado nun dos distritos máis singulares e de maior vitalidade económica da capital, caracterízase por un deseño e construción sostibles e unha arquitectura interior aberta, transparente e con diferentes elementos naturais, que se adaptan ao cliente, achéganlle proximidade e conéctano coa natureza.
Para dar resposta ás distintas necesidades de servizo e niveis de especialización que demandan os clientes, Espazo Serrano 45 dispón de 22 postos de atención comercial, cinco salas de reunións para as xestións que requiren de maior privacidade e varios lugares para encontros máis informais, ademais dunha área de autoservizo 24 horas con caixeiros automáticos de última xeración. Estas zonas de atención distribúense ao redor dun gran espazo central aberto e polivalente, denominado ‘espazo Raíces’’, que conecta a clientes e xestores nun ambiente amigable e natural. Este espazo, concibido como punto de encontro de clientes e non clientes, albergará, ademais actividade comercial, charlas, eventos e presentacións.
Precisamente, o ‘espazo Raíces’ foi o escenario da inauguración ante un centenar de invitados, nun acto no que participaron, entre outros, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas. Juan Carlos Escotet afirmou que “Espazo Serrano 45 supera o concepto de oficina bancaria e propón ao cliente unha nova forma de acudir ao banco, ofrecéndolle unha experiencia agradable e enriquecedora desde o punto de vista humano”. Na mesma liña, Francisco Botas subliñou que este novo centro “contribúe de todas as maneiras posibles ao cumprimento dos obxectivos que nos fixamos para os próximos anos, nos que ocupan un papel central a transición cara a un modelo económico máis sostible, a dixitalización e a especialización”.
Un espazo verde
A sostibilidade é un dos signos distintivos deste novo concepto comercial impulsado por ABANCA, en liña cos obxectivos marcados no seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024. As instalacións foron transformadas aplicando diferentes estratexias de sostibilidade na súa construción e equipamento para xerar un impacto positivo na contorna. Coidáronse aos máximo aspectos como eficiencia enerxética, control de consumos nas instalacións de climatización, iluminación, ventilación ou enerxía; aproveitamento da luz solar, aforro de auga ou mellora da calidade ambiental interior, entre outros.
A iluminación natural a través de grandes ventás e a utilización de materiais naturais no mobiliario compleméntanse, seguindo un deseño biofílico, cun destacado protagonismo da vexetación en todo o espazo, con plantas que absorben contaminantes e especies aromáticas que evocan a natureza e proporcionan benestar. Esta intervención integral permitirá obter o nivel oro da certificación LEED (Leadership in Energy & Environmental Design, polas súas siglas en inglés), estándar oficial recoñecido internacionalmente que determina se un espazo ten a consideración de sostible. Ademais, está previsto completar nos próximos meses o proceso para obter o certificado Residuo Cero de AENOR, selo que xa teñen outras sedes de ABANCA e que recoñece a aquelas entidades que priorizan a reutilización e a reciclaxe nas súas instalacións, aproveitando os residuos como materia prima para novos procesos.
Tecnoloxía e arte
A tecnoloxía e a dixitalización son tamén unha constante nesta evolución do modelo comercial de ABANCA, que se estenderá de forma progresiva a outros centros da entidade. Espazo Serrano 45 conta cos recursos dixitais e tecnolóxicos máis avanzados, que favorecen a conexión e mobilidade das persoas e a interacción cos clientes desde calquera punto do inmoble. Ademais, as instalacións incorporan dous innovadores murais de pantallas LED (video-wall) de grandes dimensións, que se utilizarán como soporte de contidos informativos ou de marca, así como para eventos, e que permiten a retransmisión mediante streaming a través de internet ou a difusión de contidos en 3D, entre outras funcionalidades.
Outro aspecto destacado que contribúe a ofrecer ao cliente unha experiencia diferencial é a destacada presenza da arte neste novo centro. A Colección de Arte de ABANCA está presente no inmoble a través de reproducións de obras nas salas e espazos, e está previsto utilizar as pantallas LED como soporte para instalacións de videoarte nas que se mostrarán, de forma virtual e remota, pezas de distintos artistas.