ABANCA presenta no Museo de León a exposición ‘La mirada contemporánea’
- É a segunda proposta expositiva do banco na cidade dentro do acordo que mantén coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento de León
- A mostra achega á capital leonesa obras da Colección ABANCA de recoñecidos artistas españois como Oteiza, Tàpies, Chillida, Millares ou Barceló
ABANCA presentou este luns no Museo de León a exposición A mirada contemporánea, a segunda proposta expositiva que organiza o banco na cidade con fondos da súa Colección de Arte dentro do acordo que mantén desde o pasado verán coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento leonés.
Nesta ocasión o proxecto céntrase na arte contemporánea española, un dos piares sobre os que se organiza a Colección ABANCA, composta por máis de 1.300 obras de máxima calidade. O público leonés poderá gozar de 26 creacións dun selecto grupo de artistas españois ou con gran vinculación co noso país que marcaron tendencia na historia da arte a nivel internacional como Antoni Tàpies, Jorge Oteiza, Leopoldo Nóvoa, Eduardo Chillida, Manolo Millares, Antonio Saura, Luís Gordillo, Miquel Barceló ou Francisco Leiro, entre outros.
O alcalde de León, Antonio Silván, e Guillermo García, delegado territorial da Junta de Castilla y León, acompañaron a Miguel Ángel Escotet, director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA na presentación da mostra, que abrirá as súas portas ao público este martes 16 de maio no Museo de Léon e poderá visitarse gratuitamente ata o 16 de xullo.
Durante a súa intervención, Escotet manifestou a súa gran satisfacción “por poder contribuír de novo a enriquecer a oferta cultural da cidade, especialmente despois da magnífica acollida brindada por toda a sociedade leonesa o pasado outono á exposición Baixo o signo de Picasso, que superou todas as expectativas do banco con máis de 25.000 visitantes”.
O alcalde da cidade fixo fincapé en que “é unha exposición que fortalece a proxección de León a nivel nacional e internacional. Xamais en León houbo unha serie de exposicións deste prestixio. Estamos, de novo, ante unha exposición que fai cidade, que impulsará outros sectores. Unha exposición de categoría mundial que pon de novo de relevo, por unha banda, a vinculación da entidade ABANCA coa nosa cidade e a súa vontade de contribuír ao potencial cultural de León, e, por outro, unha achega singular e de enorme atractivo a unha axenda cultural ampla e de calidade, que é un dos alicerces sobre os que este equipo de goberno asenta unha oferta turística que ten como obxectivo consolidar León como referente turístico internacional”.
O Delegado Territorial da Junta de Castilla y León, Guillermo García Martín, sinalou unha vez máis a importancia da colaboración público privada para a xeración de proxectos de alta calidade nos museos de Castilla y León, manifestando como exemplo o éxito de asistencia de público da anterior exposición. “A presentación desta nova mostra da Colección ABANCA contribúe, coa súa gran calidade, a incrementar a oferta museística de Castilla y León, nunhas datas nas que con motivo da celebración do Día Internacional do Museo, os museos da nosa comunidade enriquécense con multitude de actividades”, indicou o representante da Junta.
Colección ABANCA. A mirada contemporánea
A mirada contemporánea toma o testemuño da exposición Baixo o signo de Picasso, articulada ao redor da figura do xenio malagueño e centrada nas vangardas artísticas, e avanza no tempo a través dos fondos de ABANCA para ofrecer unha ampla visión da arte contemporáneo español da segunda metade do século XX.
Con este fin seleccionáronse 26 pezas entre as que se atopan pinturas, esculturas e obras de técnica mixta de 21 artistas que exerceron a súa influencia nas novas xeracións de artistas a nivel internacional.
A estética do informalismo domina a primeira parte da exposición, con obras de Jorge Oteiza, Eduardo Chillida e Antoni Tàpies compartindo espazo cunha importante representación dalgúns dos fundadores do Grupo El Paso, o principal colectivo artístico xurdido en España na posguerra, como Manolo Millares, de quen se poderán contemplar tres obras, Rafael Canogar, Manuel Rivera e Antonio Saura. Tamén neste marco preséntase a obra doutros autores fundamentais da arte española do século XX como Lucio Muñoz ou Leopoldo Nóvoa.
O segundo bloque expositivo presenta a expansión da pintura e a escultura desde diversas individualidades. Luis Gordillo serve de punto de partida para revisar a renovación da pintura española dos anos 80, con exemplos de autores como Carlos Alcolea, Miguel Ángel Campano, José María Sicilia ou José Manuel Broto, entre os que ocupa un lugar destacado o mallorquino Miquel Barceló, do que se poderán contemplar dúas obras, Blanc Negre (1984) e Le feu sur la plague (1984).
O contrapunto expresivo pono a gran escultura Muda ou cacho (1997) de Francisco Leiro, unha poderosa peza de madeira e resina de case tres metros de altura que é unha das obras máis destacadas da Colección ABANCA.
Un lenzo do irlandés Sean Scully, Wall of light (1999), pon o broche final ao percorrido cunha chiscadela á arte contemporánea internacional, que conta tamén cunha ampla representación nos fondos artísticos do banco.
Horario y actividades didácticas
A mirada contemporánea poderá visitarse gratuitamente no Museo de León entre o 16 de maio e o 16 de xullo, en horario de martes a sábado, de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas, e os domingos e festivos de 10 a 14 horas.
O banco e o servizo didáctico do Museo de León completarán a exhibición cun programa de visitas guiadas e outras actividades didácticas dirixidas a diferentes colectivos, seguindo o modelo iniciado o pasado outono con motivo da exposición Baixo o signo de Picasso.