ABANCA presenta o seu novo modelo de oficina máis especializada en León
- A entidade financeira inaugura a súa oficina principal en León, renovada e dotada coas últimas innovacións tecnolóxicas
- O novo centro, con máis zonas de atención personalizada e autoservicio, conta cun equipo de 9 persoas, entre os que figuran xestores especialistas en negocios, banca persoal e seguros
O presidente e o conselleiro delegado de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas, presentaron esta tarde aos clientes de León o novo modelo oficina que a entidade financeira está a incorporar na súa rede comercial.
A reforma realizada na oficina principal de ABANCA na praza das Cortes Leonesas está deseñada para mellorar a calidade de servizo ao cliente a través de solucións tecnolóxicas de última xeración, amplos espazos abertos (non hai mostradores nin despachos) e zonas diferenciadas en función do servizo que se preste ao cliente. Esta nova organización das oficinas da entidade financeira obedece a un modelo de relación co cliente máis funcional, próximo, innovador, eficiente e sustentable. “Apostamos por un modelo que teña os principais eixos da nosa estratexia: a dixitalización, a especialización e a proximidade”, asegurou Francisco Botas, conselleiro delegado de ABANCA, durante o acto de inauguración.
Este novo espazo está dotado co equipamento e funcionalidades tecnolóxicas máis innovadoras do mercado, que facilitan a mobilidade dos xestores e reducen tempos de espera e procesos. A oficina conta cun equipo de 9 profesionais, entre os que figuran xestores de negocios, xestores de banca persoal e xestores de previsión e planificación social.
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, tamén destacou durante a súa intervención a importancia da tecnoloxía no novo modelo de oficina, “somos unha entidade que cre firmemente nas bondades do proceso de dixitalización que está a transformar xa tanto a sociedade en xeral como a economía en particular”.
O novo deseño da sucursal contempla catro mesas de atención personalizada ao cliente e cinco salgas de reunións, que outorgan unha maior privacidade. A oficina conta tamén con dous postos de atención transaccional para a operativa en efectivo e as tarefas máis administrativas. Todo o equipo da oficina posúe tabletas Microsoft Surface, que permiten unha total mobilidade para dar unha mellor resposta ás demandas dos clientes. As novas instalacións albergan dous caixeiros de última xeración para realizar operacións e están dotadas cunha rede WIFI gratuíta.
Compromiso con León
Durante esta visita institucional a León, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, asistiron tamén ao adestramento do ABANCA Ademar, equipo que a entidade financeira patrocina desde o ano 2014.
Os máximos directivos da entidade financeira tamén aproveitaron a súa estancia na cidade para percorrer no Museo de León a exposición ‘Novas lecturas. Diálogos no tempo e no lugar’ cando se cumpre un mes da súa apertura. Durante a visita estiveron acompañados dunha representación do empresariado leonés, cos que mantiveron máis tarde un xantar de traballo.
ABANCA en León
León conforma, xunto con Galicia e Asturias a área principal de negocio de ABANCA, que aspira a converterse na entidade de referencia no norte peninsular. Con 42 oficinas, ABANCA é o segundo banco con máis presenza na provincia. No últimos catro anos, a entidade priorizou a concesión de crédito en León, aumentando un 50% a súa cota de mercado de crédito na provincia.