ABANCA preséntase en México ante máis de 500 empresarios de orixe galega, asturiana e leonesa
ABANCA preséntase en México ante máis de 500 empresarios de orixe galega, asturiana e leonesa
- A entidade explicou o modelo co que presta servizo aos seus clientes internacionais residentes en oito países
- A estratexia internacional de ABANCA, diferencial respecto ao mercado, baséase na atención ao cliente a través de tres canles en España e o seu país de residencia
O vicepresidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, presentou onte en México D.F. o modelo de actividade de ABANCA ante un auditorio formado por máis de 500 empresarios de orixe española, fundamentalmente galega, asturiana e leonesa, asentados no país americano. O encontro tivo lugar con motivo da apertura por parte de ABANCA da súa nova oficina de representación en México D.F. O programa de actividades incluíu tamén encontros con destacados empresarios mexicanos e visitas ás casas de Galicia, Asturias e León no país.
As entidades de orixe de ABANCA iniciaron as súas actividades en México en 1991, ano de apertura da súa oficina no país. O banco traslada agora este centro a unhas instalacións máis amplas, cómodas e mellor adaptadas ao seu novo modelo comercial.
Como en España, en México ABANCA centra a súa actividade na banca minorista para pemes e familias. “O noso obxectivo é acompañar aos clientes de toda a vida, entre os que hai ata terceiras e cuartas xeracións de emigrantes, pero tamén abrirnos aos empresarios mexicanos de diferentes sectores”, destacou Juan Carlos Escotet Rodríguez, quen na súa intervención tamén lembrou a súa pertenza a unha familia emigrante de orixe española.
O encontro serviu para presentar tanto a nova oficina de ABANCA como o modelo a través do cal a entidade desenvolve a súa actividade nos países nos que conta con oficina de representación. Trátase dun modelo diferencial respecto ao mercado que está baseado na tripla atención a estes clientes a través de equipos situados tanto en España como no seu país de residencia.
Así, o cliente ten á súa disposición tres puntos de atención entre os que elixe en cada momento en función das súas necesidades: no seu país de residencia a súa oficina de representación local; e en España a súa oficina apoiada por xestores especializados no segmento de clientes non residentes, máis, no caso de ser empresario, a unidade de Comercio Exterior de ABANCA.
“As vantaxes deste modelo para os nosos clientes son claras e significativas: a atención é sempre persoal e especializada, a cobertura xeográfica é total e o horario de atención vese ampliado grazas ao efecto da diferenza horaria”, explicou Alfonso Caruana, director de Negocio Internacional de ABANCA.
Presenza internacional
No ámbito internacional ABANCA está presente en México, Panamá, Venezuela, Francia, Alemaña e Reino Unido (en todos eles a través de oficinas de representación), Portugal (con ficha bancaria propia) e Suíza (ambas as modalidades).