ABANCA promove o III Campus ABANCA centrado nas profesións do futuro
- Esta nova edición do evento intégrase na I Feira de Innovación USC-ABANCA, que se desenvolverá na Cidade da Cultura os días 27 e 28 de novembro
- O banco lanza un concurso para novos estudantes que teñan unha idea e queiran mellorar as súas competencias para desenvolvela
ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, organizarán o próximo mes de novembro a terceira edición do Campus ABANCA, unha iniciativa que busca estimular o emprendemento, a innovación social e as competencias persoais da nosa mocidade. Nesta ocasión, o evento intégrase na I Feira de Innovación USC-ABANCA, que se desenvolverá no edificio CINC da Cidade da Cultura os días 27 e 28 de novembro.
O obxectivo do banco con esta acción, que forma parte do seu programa de educación financeira, é mellorar a competitividade e empregabilidade dos mozos universitarios e os estudantes de Bacharelato, pondo á súa disposición un conxunto de técnicas e habilidades que faciliten a súa inclusión no mercado laboral.
Todos os obradoiros e relatorios previstos no marco do III Campus ABANCA, que inclúe o Campus LAB o 27 de novembro e o Congreso Campus ABANCA o 28 de novembro, centraranse no emprendemento ao redor das profesións do futuro: creación de startups, ecommerce, marketing, community management e outras actividades relacionadas co deporte, a música, as artes, a innovación social, a sustentabilidade, a investigación e a industria 4.0, como youtuber, instagrammer, blogger ou gamer.
Concurso de ideas
Con carácter previo ás xornadas do 27 e 28 de novembro, o banco e a súa obra social puxeron en marcha un concurso dirixido a universitarios e estudantes de Bacharelato maiores de 16 anos que teñan unha idea ou proxecto innovador e queiran mellorar as súas habilidades e competencias para desenvolvelo. Os mozos que queiran participar só teñen que presentar o seu proxecto, relacionado con algunha das profesións do futuro, antes do 21 de novembro a través do formulario dispoñible na páxina web http://campus.abanca.com. O tres mellores proxectos recibirán un premio valorado en 300, 200 e 150 euros, respectivamente.
Para que a convocatoria chegue ao maior número de estudantes posible, ABANCA e a USC realizarán visitas aos diferentes campus da universidade compostelá para explicar a fondo o concurso. Estas sesións desenvolveranse os días 7, 8 e 9 de novembro na USC e as seguintes semanas presentarase tamén a iniciativa na Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.
Entre todas as ideas presentadas seleccionaranse dez finalistas e os seus creadores participarán o día 27 de novembro no Campus LAB, onde realizarán varios talleres formativos para desenvolver o seu proxecto seguindo a metodoloxía Lean Startup. O tres mellores proxectos presentaranse ao día seguinte, 28 de novembro, no marco do Congreso Campus ABANCA, ante un xurado que será quen decida a orde dos gañadores.
ABANCA tamén estará presente na Feira de Innovación USC-ABANCA cun stand informativo no que se presentarán aos asistentes as propostas formativas de IESIDE, as facilidades financeiras que ofrece o banco aos estudantes a través de ABANCA Estuda, o programa de captación de talento ABANCA Talents e o traballo que desenvolve a entidade no marco do seu programa ABANCA Innova.