ABANCA reabre a súa oficina de representación en Frankfurt
- A apertura reforza a estratexia de internacionalización da entidade
ABANCA conta desde hoxe cunha oficina de representación en Frankfurt para dar servizo aos seus clientes en Alemaña. A presenza da entidade financeira galega neste país responde ao crecemento das oportunidades de negocio en Alemaña, onde ABANCA pretende dar un mellor servizo á carteira de 3.000 clientes que posúe no país e servir de ponte para as pemes alemás que desexen introducirse no mercado español.
Desde esta oficina, ABANCA atenderá as xestións dos clientes españois que viven en Alemaña e tamén de clientes alemáns que residen parte do ano en Galicia. Alemaña é a primeira economía de Europa, cunha situación estable e con moi boas relacións bilaterais con España. Máis de 130.000 españois viven neste país e é o destino preferente de moitos mozos españois cualificados. Ademais, as principais institucións financeiras europeas teñen a súa sede en Frankfurt, polo que era imprescindible e estratéxico para o negocio internacional de ABANCA volver ter presenza neste país.
Presenza internacional
O negocio internacional é unha das prioridades estratéxicas para ABANCA como unha forma de apoiar aos galegos dentro e fóra das nosas fronteiras e de apoiar ás empresas galegas e españolas que internacionalizaron a súa actividade e demandan cobertura financeira na súa apertura ao exterior. A entidade conta con 12 oficinas no estranxeiro (5 operativas e 7 de representación). Ademais de en Alemaña, ABANCA está presente en Suíza (Xenebra e Zúrich), Reino Unido (Londres), Francia e Portugal en Europa, e en América dispón de oficinas en México, Panamá, e Venezuela (Caracas).