ABANCA reafirma o seu compromiso coa empresa galega ante 250 empresarios
- Juan Carlos Escotet Rodríguez trasladoulles o compromiso da entidade coa innovación e a concesión de crédito no actual momento de relanzamento e transformación da economía
- A entidade celebrou a xornada ‘Banca e empresa, aliados para o desenvolvemento de Galicia’ en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña
A xornada ‘Banca e empresa, aliados para o desenvolvemento de Galicia’, organizada por ABANCA en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña, congregou esta mañá en Oleiros (A Coruña) a preto de 250 empresarios galegos para abordar o actual contexto de relanzamento e transformación da economía e os retos compartidos da empresa e as entidades financeiras para impulsar o crecemento sustentable.
O evento contou coa intervención de Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, que foi presentado por Antonio Couceiro, presidente da Cámara de Comercio da Coruña. A xornada contou tamén coa participación de Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, que moderou o coloquio mantido a continuación.
Na súa intervención, Juan Carlos Escotet Rodríguez repasou os elementos centrais do actual contexto económico a escala internacional, europea, española e galega. “Galicia está a ser protagonista dunha contorna macroeconómica expansiva grazas ao dinamismo do sector servizos, o impulso do sector exterior e o saneamento das contas públicas, aínda que o investimento ten aínda potencial de percorrido”, sinalou.
En relación co investimento empresarial, o presidente de ABANCA lembrou que os tipos das novas operacións de financiamento con empresas baixaron 180 puntos básicos en España desde 2014 e que as condicións de financiamento seguirán sendo favorables con tipos de interese oficiais en negativo.
Novas oportunidades de negocio
Juan Carlos Escotet Rodríguez apelou a “superar as debilidades que lastran a competitividade das empresas”, tarefa na que destacou a importancia da innovación e o financiamento. En relación coa primeira delas, o presidente de ABANCA abordou a actual transformación da economía impulsada pola dixitalización, e destacou o papel das entidades financeiras para facilitar o aproveitamento das novas oportunidades de negocio. “Desde ABANCA estamos a impulsar a dixitalización da actividade bancaria de forma decidida para proporcionar ás empresas todas as súas vantaxes en accesibilidade, eficiencia, facilidade para a realización de pagos e seguridade para potenciar o comercio electrónico”, explicou.
O presidente de ABANCA expuxo así mesmo as accións desenvolvidas pola entidade para fomentar a innovación e o emprendemento, como a creación do Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE), o proxecto de apoio e acompañamento a start-ups tecnolóxicas ABANCA Innova, ou o financiamento de ideas de negocio a través de ABANCA Invest.
En relación co segundo factor esencial para incrementar a competitividade, o financiamento, Escotet explicou o papel do crédito como panca da actual recuperación económica e lembrou a vocación de ABANCA como axente dinamizador da tecido económico e social a través do seu compromiso coas empresas e familias. “Somos a entidade española con maior crecemento do crédito a clientes no último ano”, sinalou. Na provincia da Coruña ABANCA incrementou nun 25% a concesión de novo crédito en 2017 e financia 1 de cada 3 euros.
A actividade crediticia de ABANCA dirixida á empresa galega está a ser especialmente destacable no sector exportador, clave na recuperación da economía da comunidade. “En tres anos multiplicamos por 2,4 nosa actividade de COMEX e xa damos servizo ao 56% das empresas exportadoras galegas”, indicou.