ABANCA recada 236.000 euros para as vítimas dos terremotos de Nepal
- A axuda será administrada por Cruz Vermella Española e UNICEF
ABANCA Obra Social pechou a súa campaña de axuda S.O.S. Terremoto Nepal cunha recadación total de 236.518,94 euros. Os fondos, que irán destinados a proxectos desenvolvidos por Cruz Vermella Española e UNICEF para atender as necesidades inmediatas da poboación damnificada, foron achegados por clientes, non clientes, empregados e o propio banco, que igualou a achega conxunta dos devanditos colectivos.
Para garantir a máxima transparencia cara aos doantes e a sociedade en xeral, ABANCA certificará ante notario a cantidade entregada á dúas ONG administradoras da axuda. Ademais, cada doante que o solicitou recibirá o seu certificado de doazón correspondente. Cada ONG administradora disporá do 50% dos fondos recadados. A partida correspondente a Cruz Vermella Española irá destinada a proporcionar á poboación elementos básicos de supervivencia, como mantas, tendas de campaña e auga potable, así como a facilitar a atención sanitaria de forma permanente e estable. Pola súa banda, UNICEF dedicará os seus fondos a realizar unha campaña de vacinacións na zona afectada para combater as enfermidades infecciosas e evitar a súa propagación.
Responsabilidade social
O banco con sede en Galicia puxo en marcha o seu programa de axuda S.O.S Terremoto Nepal co obxectivo de recadar fondos para as vítimas dos recentes movementos sísmicos de Nepal. Para iso habilitou unha conta propia na que aqueles clientes, non clientes e empregados que o desexasen poderían realizar donativos en oficina física, mediante banca a distancia ou a través de banca dixital, en todos os casos sen gastos nin comisións.
Esta iniciativa forma parte do programa de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, materializado na realización de accións solidarias e responsables. Ademais de desenvolver a súa propia acción social baixo a denominación de ABANCA Obra Social, o banco participa activamente na dotación orzamentaria e a xestión da actividade de Afundación.