ABANCA recibe o Premio á Excelencia en Marketing Deportivo
- A entidade financeira foi distinguida na X edición dos Premios Internacionales Patrocina un Deportista pola súa ampla traxectoria no apoio ao deporte
- O galardón recoñece o compromiso de ABANCA co deporte en todas as súas formas, desde o apoio a clubes profesionais ata a axuda a miles de mozos a través do seu programa de deporte base
ABANCA recibiu o Premio á Excelencia en Marketing Deportivo, outorgado pola Asociación de Marketing de España, na X edición dos Premios Internacionales Patrocina un Deportista. Este galardón recoñece a robusta estratexia de patrocinio de ABANCA e o seu impacto no ámbito deportivo, especialmente no noroeste da península.
O obxectivo destes premios é crear unha ponte entre o mundo empresarial e o deporte, recoñecendo ás persoas e organizacións que destacaron polo seu apoio aos deportistas. Neste sentido, o galardón outorgado a ABANCA destaca o seu firme compromiso co deporte en todas as súas formas, desde o apoio a clubes profesionais ata a axuda a miles de mozos a través do seu programa de deporte base.
A organización dos premios tamén destacou a capacidade de ABANCA de combinar o seu apoio ao deporte cun forte compromiso coa responsabilidade social. Un exemplo significativo é o programa Redes Vivas, que promove a reciclaxe de redes de pesca para a súa reutilización como material deportivo. Esta iniciativa, nacida en 2021, alzouse o ano pasado co primeiro posto na categoría Marketing Social dos Premios Nacionais de Marketing.
Dez anos apoiando o deporte
Desde os seus inicios, ABANCA mantivo unha sólida relación co deporte, patrocinando a equipos profesionais e apoiando competicións e eventos nunha ampla variedade de disciplinas. A entidade tamén aposta de maneira decidida polo fomento do deporte feminino, promovendo a igualdade de oportunidades para que deportistas de todas as categorías e xéneros poidan acadar o seu máximo potencial.
Este apoio non se centra unicamente no deporte de elite, senón que tamén pon o acento nos deportistas non profesionais, os clubes pequenos e as disciplinas minoritarias. ABANCA canaliza este compromiso a través do ambicioso programa ABANCA Deporte Base, que na súa última edición beneficiou a preto de 20.000 deportistas de máis de 2.000 equipos.