ABANCA recibe o Premio Excelentia á cultura polo proxecto ABANCA ReSuena
- O banco colabora desde 2015 con esta iniciativa promovida pola Orquesta Sinfónica de Galicia
- ABANCA ReSuena busca o crecemento e o desenvolvemento dos nenos e mozos a través da práctica musical
O presidente de ABANCA, Javier Etcheverría de la Muela recolleu este mércores 13 de abril o Premio Excelentia á cultura polo proxecto ABANCA ReSuena nun acto que tivo lugar no Auditorio Nacional de Música de Madrid e que culminou cun concerto ‘Especial Beethoven’ interpretado pola Orquesta Clásica Santa Cecilia e as 140 voces da Sociedad Coral Excelentia de Madrid, baixo a batuta do prestixioso director Kynan Johns.
ABANCA foi recoñecida na II Edición dos Premios Excelentia na categoría de empresa comprometida coa cultura polo proxecto ABANCA ReSuena, iniciativa conxunta da dirección xeral de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA e da Orquesta Sinfónica de Galicia desde febreiro de 2015.
Os Premios Excelentia que organiza a fundación co mesmo nome teñen como obxectivo recoñecer o labor de persoas, empresas e outras institucións que sobresaen polo seu apoio á cultura e á música clásica en especial. Nesta segunda edición tamén foron recoñecidas polo seu traballo a favor da cultura e a música personalidades como Teresa Berganza e outras entidades coma o Hospital La Paz, o Conservatorio Rodolfo Halffter de Móstoles, a Real Banda de Gaitas de Ourense, o Teatro Real ou Radio Clásica de RNE.
ABANCA ReSuena
A Fundación Excelentia destacou o apoio de ABANCA ao proxecto ReSuena por facilitar que nenos e mozos de diferentes estratos sociais e tamén con discapacidade se integren aprendendo a tocar instrumentos de música.
A iniciativa foi ideada pola OSG co obxectivo de promover o crecemento e o desenvolvemento persoal durante a infancia e a xuventude a través do traballo de grupo e individual, favorecendo a unión entre as diferentes capas da sociedade. A práctica musical conxunta permite desenvolver habilidades sociais para relacionarse e poder superar problemas de comportamento, ao tempo que facilita o desenvolvemento das aptitudes individuais.
O apoio do banco deu un impulso definitivo ao proxecto coa entrega dun lote de 150 instrumentos musicais que permitiron ampliar as actividades formativas ata chegar na actualidade a tres centros na cidade da Coruña: o Centro Cívico de Monte Alto, o CEIP Alborada e o CEE de xordos Nuestra Señora del Rosario.
A aposta de ABANCA por esta iniciativa responde a unha visión da música como unha ferramenta única para o estímulo da aprendizaxe dunha maneira lúdica e diferente, que ademais axuda a transmitir valores fundamentais entre os máis pequenos como a dedicación, o traballo duro, a procura da excelencia e a superación artística.
Fundación Excelentia
A Fundación Excelentia é unha organización privada que desenvolve as súas actividades no campo da cultura, sendo líderes na promoción privada da música clásica. Nace para contribuír á difusión do patrimonio lírico-musical e impulsar a creación e representación das artes musicais en todas as súas variedades.
Entre as súas actividades destacan a organización de varios ciclos de concertos no Auditorio Nacional de Madrid, o Auditorio Miguel Delibes de Valladolid, o Auditorio de Alicante e o Auditorio de Zaragoza, así como noutros emprazamentos coma o Teatro Real de Madrid e o Palau da Música de Valencia.
A fundación ten tamén un forte compromiso social e desenvolve proxectos educativos que inclúen concertos pedagóxicos para nenos, axudas para a formación musical, cursos de música para nenos e concertos benéficos.