ABANCA recoñece a traxectoria de 196 empregados que cumpren máis de 25 anos de traballo na entidade
- Os homenaxeados recibiron insignias conmemorativas de mans do presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e outros membros do Comité de Dirección
ABANCA recoñeceu esta tarde, mediante a entrega de insignias conmemorativas, a traxectoria profesional de 196 empregados que en 2017 cumpren 25, 30 o 35 anos de servizo. O acto, celebrado en Pontevedra, contou coa presenza do presidente da entidade, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e outros membros do Comité de Dirección da entidade.
Juan Carlos Escotet agradeceu en nome da entidade a “fidelidade, dedicación e arroxo” demostrados polos empregados homenaxeados ao longo do seu amplo percorrido profesional no banco. “Co voso esforzo, firmeza e desempeño, e grazas ás relacións de confianza que cimentastes ao longo dos anos cos nosos clientes, convertéstesvos en parte cardinal deste banco das persoas e para as persoas que é ABANCA”, manifestou o presidente.
Pola súa banda, Francisco Botas tamén encomiou a “lealdade, esforzo, coraxe e saber facer” dos galardoados. “Tedes un valor diferencial difícil de substituír porque o voso coñecemento e a vosa experiencia son básicos para fortalecer o noso proxecto de banco; sodes o capital máis valioso que temos para mellorar e para crecer”, subliñou.
Máis de 5.500 anos de experiencia acumulada
Os case 200 empregados distinguidos este ano por ABANCA (51 da Dirección Territorial da Coruña, 50 da DT Vigo, 33 da DT Pontevedra, 19 da DT Ourense, 15 da DT Lugo, 15 da DT Santiago, 12 da DT España e 1 da DT Asturias/León) suman no seu conxunto máis de 5.500 anos de experiencia profesional na entidade financeira galega. A maioría traballa na rede comercial de ABANCA, aínda que entre os premiados figuran tamén profesionais que desempeñan funcións en áreas de servizos centrais e outras empresas do grupo.
Os galardoados recibiron de mans dos principais directivos da entidade as insignias conmemorativas en recoñecemento aos seus 25, 30 ou 35 anos de dedicación. Durante o acto, os homenaxeados estiveron arroupados polos seus familiares, así como por responsables das distintas direccións territoriais, rede comercial e capital humano da entidade.