ABANCA recoñece a traxectoria dun centenar de empregados que acumulan 2.500 anos de experiencia
Os galardoados, que cumpren 25, 30 o 35 anos de servizo, recibiron insignias conmemorativas de mans do presidente, Javier Etcheverría, o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas
ABANCA entregou hoxe un centenar de insignias de prata a outros tantos empregados en recoñecemento á súa traxectoria de décadas de traballo na entidade, que conxuntamente suma un total acumulado de 2.500 anos. O acto, celebrado no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, contou coa presenza do presidente da entidade, Javier Etcheverría, o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e os directivos do Comité de Dirección.
Na súa intervención, Javier Etcheverría subliñou a importancia do equipo humano para o éxito das empresas e, neste sentido agradeceu a aportación da plantilla de ABANCA ao desenvolvemento do proxecto da entidade financeira. "Os empregados son sempre o máis importante de calquera compañía", afirmou.
Juan Carlos Escotet Rodríguez transmitiu aos premiados o recoñecemento da entidade ao “valor da experiencia” exemplificado polos seus empregados máis veteranos, así como ao papel de “referencia” que desempeñan fronte ao resto do persoal. “Os vosos compañeiros aprenden cada día do voso saber facer, e con iso adquiren calidades que enriquecen a súa bagaxe e que un día tamén eles transmitirán aos que veñan detrás”, destacou.
Pola súa banda, Francisco Botas referiuse aos empregados premiados como “os alicerces sobre os que está construído o edificio do banco”. “Quen cumpre 25, 30 ou 35 anos nunha organización é necesariamente un profesional de valía, sólido e digno de confianza, e vós demostrastes selo”, transmitiulles na súa intervención.
Un a un, os case cen galardoados (28 da territorial da Coruña, 23 de Vigo, 13 de Ourense, 11 de Pontevedra, 9 de Lugo e 8 de Santiago) foron recollendo de mans dos principais directivos da entidade as insignias coas que ABANCA recoñece os seus 25, 30 ou 35 anos de dedicación. Durante o acto os homenaxeados estiveron acompañados polos seus familiares, así como por representantes das direccións territoriais da entidade.