ABANCA recoñece no seu 10 Aniversario a contribución dos antigos empregados
- O presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, mantiveron un encontro con xubilados e xubiladas do banco e as súas entidades de orixe
O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, mantiveron hoxe en Santiago de Compostela un encontro cunha representación de antigos empregados e empregadas do banco e das súas entidades de orixe, un colectivo que se achega ás 3.600 persoas. A cita, celebrada no Centro ABANCA Obra Social, forma parte dos actos de celebración do 10 Aniversario de ABANCA e tivo por obxectivo recoñecer a contribución dos antigos empregados e empregadas aos éxitos logrados pola entidade desde o seu lanzamento en 2014.
“Sabemos que non teríamos chegado ata aquí sen vós, sen todo o que fixestes nos vosos anos de servizo e dedicación dando un exemplo de implicación, profesionalidade e fidelidade. O noso traballo nestes dez anos estivo dirixido a facer honra ao voso legado como profesionais”, trasladoulles Juan Carlos Escotet Rodríguez.
“Moitos clientes séguenvos lembrando e valorando como referencia: para eles seguides sendo parte desta entidade e para nós tamén. Acompañástesnos nestes dez anos e estamos seguros de que o seguiredes facendo no desenvolvemento do noso proxecto para seguir crecendo e mellorando”, indicou Francisco Botas.
Unha década de transformación e crecemento
ABANCA cumpriu 10 anos sólidamente posicionada como unha entidade con personalidade diferenciada no mercado, solvente, rendible e comprometida coa súa contorna e coa sostibilidade. Para iso a entidade executou un amplo plan de transformación en gobernanza, cultura corporativa, comercial e tecnoloxía.
Nestes dez anos, o banco creceu orgánica e inorgánicamente cunha marcada vocación ibérica. A entidade multiplicou por 2,1 o seu volume de negocio, por 3,2 a súa marxe financeira e por 1,6 os seus gastos de explotación, cifras que tiveron reflexo na mellora da eficiencia. Ademais rexistrou unha positiva evolución dos índices de prescrición, un incremento das cotas de mercado en todas as liñas e unha constante melloría das cualificacións das catro axencias de rating que a avalían.
Integrou no seu modelo os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) e situou o compromiso social e coa súa contorna como unha das súas máximas prioridades. A entidade é unha referencia en concesión de crédito (56.504 millóns de euros entre 2013 e 2023), en emprego de calidade (crecemento do seu persoal nun 50% no últimos dez anos, ata os 8.000 empregos) e en investimento social (120 millóns de euros en programas educativos, culturais, ambientais, de atención a maiores ou deporte, tanto de maneira directa desde ABANCA como a través de Afundación, a súa Obra Social).