ABANCA reivindica o seu papel como aliado das empresas durante a crise sanitaria
- O conselleiro delegado da entidade financeira, Francisco Botas, intervén na asemblea da Asociación Galega da Empresa Familiar ante decenas de empresarios
- Botas pon en valor o papel do banco durante a crise sanitaria e repasa “as medidas comprometidas co tecido produtivo galego e as empresas de orixe familiar”
- O banco contribúe a que as empresas aborden algúns dos desafíos aos que tiveron que facer fronte durante a crise, como a dixitalización, o comercio online, os pagos telemáticos ou o teletraballo
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, interveu hoxe na XX asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF), que se celebrou en Santiago. Unha cita á que asistiu o presidente de la Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e o presidente da AGEF, Víctor Nogueira, e que reuniu a un nutrido grupo de empresarios co obxectivo de abordar os desafíos aos que xa se están a enfrontar moitas corporacións debido á crise sanitaria e o seu impacto na economía.
O conselleiro delegado de ABANCA destacou durante a súa intervención “o compromiso da entidade co tecido produtivo galego e coas empresas de orixe familiar”, ao tempo que reivindicou “o papel do banco como un aliado de proximidade da empresa en momentos difíciles”. Este apoio tradúcese nunha inxección de liquidez ás empresas galegas tanto a través da renovación automática das liñas de circulante por un importe superior a 1.200 millóns, como coa concesión de case 2.375 millóns en préstamos baixo o convenio ICO COVID-19.
Unhas actuacións que se suman a outras iniciativas sectoriais que debullou Francisco Botas durante a súa intervención como o anticipo das axudas PAC ou acordos con distintos axentes do sector pesqueiro en Galicia. Accións todas elas que tamén tiveron o seu reflexo nas familias para que puideran manter a súa capacidade de compra, grazas ás case 13.500 moratorias hipotecarias e de consumo, os máis de 3.000 anticipos ERTE e o anticipo de 400 millóns en pensións; así como na sociedade coa compra de equipos sanitarios, lectores para a realización de tests ou menús para escolares pertencentes a familias en risco de vulnerabilidade.
Un aliado ante as novas oportunidades
Durante a súa intervención, Francisco Botas tamén apelou á responsabilidade de gobernos, cidadáns, empresas e sector financeiro como actores indispensables para preservar o tecido produtivo. Un novo escenario no que a experiencia e as solucións de ABANCA xogan un papel clave para abordar tendencias que se aceleraran durante a pandemia. A entidade apoiou nestes meses ás empresas en procesos como a dixitalización, o impulso do comercio online, a caída do uso dos pagos en efectivo ou o aumento do teletraballo.
A entidade seguiu moi de cerca a evolución do impacto económico da pandemia grazas ao Observatorio ABANCA by IESIDE. Esta iniciativa proporcionou información de utilidade para coñecer o avance de numerosas magnitudes e contribuír coa recuperación económica logo da emerxencia sanitaria. Nas súas catro entregas, permitiu a empresas e familias tomar decisións máis informadas e axustadas ao momento.