ABANCA renova a súa banca móbil para iPhone e aproveita todo o potencial do novo iOS
- A entidade financeira actualiza a súa aplicación para dispositivos Apple e convértese na pioneira do sector en estrear compatibilidade con 3D Touch e a procura integrada en Spotlight
- A nova app tamén aporta novas funcionalidades ao Apple Watch, que agora recibe notificacións de acceso seguro e información de oficinas e caixeiros
A nova versión da banca electrónica de ABANCA para os dispositivos Apple está dispoñible para a súa descarga dende hoxe na tenda de aplicacións da empresa californiana. Esta actualización chega nun tempo récord, tras incluír a maior parte dos avances que Apple lanzou a principios de setembro nos seus novos terminais, iPhone 6S e iPhone 6S Plus, e sistema, iOS 9.
Cos progresos desta versión da banca móbil, ABANCA convértese na primeira entidade financeira de España que aproveita todo o potencial da nova versión do sistema operativo e da nova gama de terminais móbiles de Apple. Os clientes terán ao seu alcance as melloras na experiencia de uso que introduce a tecnoloxía 3D Touch e os novos xestos Peek e Pop, sempre que os seus terminais sexan compatibles.
Outro dos avances pioneiros no sector que trae esta versión é a integración con Spotlight, que facilita a información de oficinas e operacións frecuentes no propio buscador do dispositivo dunha maneira intuitiva. A nova aplicación tamén incorpora agora a tecnoloxía autolayout, que adapta a información mostrada ao tamaño da pantalla do dispositivo, algo que supón unha mellora considerable para os modelos 6, 6S, 6 Plus e 6S Plus.
Maior integración con Apple Watch
A nova versión da banca móbil de ABANCA consegue que a comunicación co dispositivo Apple Watch estea agora máis integrada e permite compartir notificacións de acceso seguro, así como información de oficinas e caixeiros próximos. A actualización incorpora un acceso máis rápido á correspondencia e recolle todas as comunicacións recibidas, tras unificar e-correspondencia e As miñas solicitudes.
A recentemente estreada app para iOS que xa se pode descargar na Apple Store tamén agrega un novo menú lateral de configuración e inclúe pequenas melloras de usabilidade, rendemento e corrección de errores. Ademais, permite aos clientes sen claves de acceso ou non clientes cursar a petición de alta no servizo dende o seu propio móbil.