ABANCA renova a súa colaboración cos armadores de Burela e impulsa a sostibilidade a través da renovación da frota
- A entidade financeira e ABSA renovan a súa histórica colaboración para responder aos desafíos actuais do sector
- O banco pon a disposición dos armadores a súa unidade ABANCA Mar, que deseña un catálogo de produtos e servizos a medida
- Ambas entidades acordan traballar en conxunto para aproveitar as oportunidades estratéxicas do novo PERTE Mar-Industria
ABANCA e Armadores de Burela, S.A. (ABSA) renovaron, un ano máis, o seu histórico acordo de colaboración co foco posto en dar resposta ás demandas e necesidades do sector, esencial para a comarca da Mariña e para toda a comunidade galega. A través deste acordo, que se suma a outros firmados recentemente con distintas agrupacións do sector, a entidade financeira reforza o compromiso que mantén coa economía do mar.
O acordo foi asinado hoxe pola directora territorial de ABANCA en Lugo, Zaira Dapena, e o presidente de Armadores de Burela, S.A., Abelardo Basanta. Durante a firma, na que tamén estivo presente o director de zona de ABANCA en A Mariña-Terra Chá, Carlos Teijeiro, os representantes de ambas entidades conversaron sobre a trascendencia desta alianza, os retos actuais aos que se enfronta o sector, como a sostibilidade e a falta de relevo xeracional, e acordaron traballar para aproveitar as oportunidades que ofrece o novo PERTE Mar-Industria, clave para fortalecer o sector.
O convenio establece, unha vez máis, unha aposta clara pola sostibilidade do sector, que se canaliza a través de produtos e servizos para impulsar a renovación da frota. Neste sentido, ambas entidades recordaron ademais que a proteína procedente da frota galega é un dos alimentos con menor impacto ambiental e dos máis beneficiosos para a saúde. É que os produtos do mar —peixes e mariscos— son a proteína animal con menor pegada de carbono e o seu consumo aporta numerosos nutrientes, minerais, vitaminas e ácidos grasos esenciais, como o omega 3.
Respostas a necesidades puntuais e compromiso co sector
O extenso catálogo que recolle o acordo contempla as financiacións de hipotecas navais, préstamos ou leasing mobiliario con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencia e xuros competitivos.
Co obxectivo de cubrir necesidades de liquidez puntuais, o documento recolle unha serie de produtos adaptados, como a póliza de crédito específica para o sector pesqueiro e a póliza deseñada para a agrupación de armadores. Tamén se establecen alternativas como os anticipos de axudas, facilidades para o aprazamento de pagamento de impostos e liñas de desconto para reducir os impactos xerados por situacións externas, como a caída da demanda pola subida dos prezos ou a diminución das capturas xeradas por condicións climáticas desfavorables.
O compromiso que manteñen ABANCA e Armadores de Burela S.A. desde hai anos reforza a vinculación da entidade financeira en Galicia non só coa economía do mar, senón tamén con todo o sector primario, a súa viabilidade económica e sostible e a promoción e continuidade das novas xeracións nas diferentes profesións que o engloban.