ABANCA renova a súa oficina de Alacante para reforzar a especialización e mellorar a atención ao cliente
- A nova sucursal, con máis zonas de atención personalizada e autoservicio, está formada por un equipo de 13 profesionais e conta cun centro destinado a empresas
ABANCA acaba de trasladar a súa oficina de Alacante a unha das rúas máis céntricas da cidade, Federico García Soto, 11. O local, de 300 metros cadrados, foi reformado integramente para implantar o novo modelo de oficina que ABANCA está a incorporar na súa rede comercial.
Con este novo deseño, a entidade pretende mellorar a calidade de servizo ao cliente a través dunha atención máis eficiente, áxil, personalizada e especializada.
O director de Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o director do territorial Centro-Este, Pedro Canales, asisten esta tarde ao acto de inauguración da oficina para presentarlles aos clientes o novo espazo reformado e a estratexia de ABANCA na cidade de Alacante.
Especialización
A reforma favorecerá, primordialmente, o impulso á estratexia de especialización que está a desenvolver a entidade nos últimos anos. A nova oficina conta cun equipo de 13 profesionais, entre os que figuran xestores especializados en pemes e xestores de banca persoal. Ademais, no mesmo espazo integrarase un centro destinado ás empresas con especialistas neste segmento.
A oficina posúe espazos máis abertos, modernos e transparentes, cun forte compoñente tecnolóxico e de imaxe. Carece de despachos, e os espazos adáptanse en función do servizo que se preste ao cliente.
O novo deseño conta con dúas grandes zonas diferenciadas: a zona transaccional, dedicada a benvida e a realización de xestións de efectivo; e a zona de asesoramento, con postos de atención personalizada e salas de reunións. O novo modelo de oficina implantado tamén permite gañar en axilidade á hora de realizar as operacións máis habituais, así como en oferta de servizo a disposición dos clientes. As instalacións están dotadas cunha rede WIFI gratuíta e todo o equipo da oficina conta con tabletas Microsoft Surface, que permiten unha total mobilidade para dar unha mellor resposta ás demandas dos clientes.
ABANCA é o banco con maior implantación no noroeste de España, presente ademais nas principais localidades do resto do país.