ABANCA renova a súa oficina de Meira para reforzar a especialización e mellorar a experiencia dos clientes
- As instalacións, adaptadas ao novo modelo comercial do banco, permiten ofrecer unha atención máis áxil e personalizada

Nova oficina de ABANCA en Meira.
Descarga en alta resolución Serás redirixido a outro sitio web e abrirase nunha nova ventá
ABANCA estreou nos últimos días a súa nova oficina no municipio de Meira (Lugo). A sucursal foi reformada de maneira integral para implantar o novo modelo comercial banco, más especializado e adaptado ás distintas necesidades dos clientes.
Situada no núcleo urbano da localidade, a renovada oficina conta con maior superficie útil -241 metros cadrados, en total-, distribuída en espazos máis abertos, accesibles e confortables, que están diferenciados en función do servizo financeiro que demanda o cliente. Ademais do novo deseño, dotouse ao centro de innovadores recursos dixitais e tecnolóxicos, que favorecen a conectividade e a mobilidade das persoas, así como unha atención máis áxil e directa coa clientela. Esta configuración e dotacións permiten ofrecer un servizo máis personalizado e especializado, e unha mellor experiencia de usuario.
As instalacións están equipadas dun posto de benvida ao cliente, unha zona de caixa para a operativa máis habitual, mesas de atención comercial para asesoramento e servizos especializados, e unha sala de reunións para as xestións que requiren de maior privacidade, ademais dunha área de traballo reservada para tarefas administrativas do persoal da oficina. A sucursal dispón tamén dunha zona exterior de autoservizo 24 horas, cun caixeiro automático de última xeración desde o que se poden realizar as operacións máis frecuentes (retiradas e ingresos de efectivo, consulta de saldo e movementos, pago e duplicado de recibos, recarga de tarxetas moedeiro, transferencias e traspasos entre contas, entre outras).
A implantación nesta oficina rural do novo modelo de relación de ABANCA cos seus clientes propiciou tamén unha mellora significativa na sostibilidade do inmoble, con actuacións de eficiencia enerxética e control de consumos nos sistemas de iluminación e climatización, e de reciclaxe de residuos.
Especialización no sector agrícola
A oficina de ABANCA en Meira ten unha base de clientes conformada, fundamentalmente, por familias e por autónomos e pemes. Xunto ao trato próximo e coñecemento do cliente que caracterizan o modelo de atención de ABANCA, esta sucursal rural destaca pola súa especialización nas particularidades do sector agrícola. Entre outros servizos especializados que presta a este segmento, a oficina tramita as axudas da PAC (Política Agraria Común).
ABANCA é a única entidade financeira con presenza en todos os municipios da comarca lucense de Meira e, en dous deles, dá cobertura en solitario. En Meira, Riotorto e Pol dispón de oficina física, mentres que en Ribeira de Piquín presta servizo mediante un caixeiro automático multifuncional. No seu conxunto, estes catro municipios suman 5.000 habitantes.
Na provincia de Lugo, ABANCA dá cobertura financeira ao 94% dos municipios. Conta cunha rede comercial de 69 oficinas, das que un 82% localízase en contornas rurais, de menos de 5.000 habitantes. En 22 municipios lucenses, ABANCA é a única entidade que presta servizos financeiros a través de oficina física.