ABANCA ReSuena contaxia ao público o seu entusiasmo no concerto do Día da Música
- Os músicos mozos demostraron os avances realizados durante o último curso ante máis de 1.400 persoas que encheron o Palacio da Ópera
- O presidente de honra de ABANCA, Javier Etcheverría, o director xeral de RSC e Comunicación do banco e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, estiveron entre o público apoiando aos estudantes
Máis de 1.400 persoas encheron o domingo o Palacio da Ópera para gozar co concerto que ofreceron 243 nenos e nenas do proxecto ABANCA ReSuena con motivo do Día da Música, que se conmemora este xoves 21 de xuño.
Os estudantes, practicamente todos os que participan na actualidade no programa, enfrontáronse a un repertorio variado no que se mesturaron temas populares con composicións clásicas e contemporáneas que aprenderon durante o último curso de estudos e ensaios.
Entre os asistentes ao concerto atopábanse o presidente de honra de ABANCA, Javier Etcheverría, o director xeral de RSC e Comunicación do banco e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xerente de Afundación, Pedro Otero, que quixeron mostrar o seu apoio aos estudantes e a todo o equipo de profesores que fai realidade este proxecto dirixido por Diego Zecharies, contrabaixo principal da OSG ademais de solista de prestixio internacional.
No concerto debutaron os 34 alumnos e alumnas que compoñen o coro ABANCA ReSuena, creado este ano no marco do programa baixo a dirección de Paula Padín. Tamén foi a primeira actuación deste nivel para os 26 estudantes de 5 e 6 anos que forman a orquestra Mini ReSuena, que abriu o concerto acompañada por toda a formación musical e o Coro de Mans Brancas do Colexio A nosa Señora do Rosario.
O público gozou tanto coa interpretación e co entusiasmo dos mozos músicos que estes tiveron que tocar tres obras que non estaban previstas no programa inicial para responder á demanda.