ABANCA ReSuena dá a benvida á primavera cun concerto de cine
- A actuación será o domingo 10 de marzo, ás 19.30 horas, no Palacio da Ópera, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo
- Os novos músicos interpretarán temas de coñecidas bandas sonoras de películas e series de televisión, como Piratas do Caribe, Star Wars, Game of Thrones ou The Simpsons
A orquestra ABANCA ReSuena ofrecerá este domingo 10 de marzo, ás 19.30 horas, no Palacio da Ópera da Coruña, un concerto no que interpretarán un programa composto por temas de bandas sonoras de películas e series de televisión que estiveron ensaiando nas últimas semanas.
O repertorio que prepararon os novos músicos para esta actuación inclúe nove pezas musicais amplamente coñecidas por todo o público, como a melodía de The Simpsons, Raiders March, Game of Thrones, The Pink Panther, A superación das persoas, Piratas do Caribe, Star Wars,Lion Sleeps Tonight e The Bare Necessities.
A orquestra ABANCA ReSuena está formada por máis de 200 nenos e nenas que participan no proxecto ABANCA ReSuena, posto en marcha pola Orquestra Sinfónica de Galicia en colaboración co banco co obxectivo de promover os valores positivos asociados á práctica musical, que actúa tamén como nexo de unión entre estudantes de calquera entorno social, económico e cultural.
A iniciativa comezou a funcionar en 2014 no Centro Cívico de Monte Alto e na actualidade conta con outros dous núcleos, o CEIP Alborada de Elviña e o Colexio de Educación Especial Nosa Señora do Rosario, onde desenvolve a súa actividade o Coro de Mans Brancas que forma parte do programa e co que se logrou integrar a nenos e nenas con síndrome de Down, xordeira e outras particularidades de diversidade funcional.
Os novos intérpretes subirán unha vez máis ao escenario principal do Palacio da Ópera tras o éxito colleitado en xuño na súa última actuación en público con motivo do Día da Música, cando máis de 1.400 persoas gozaron do seu concerto.