ABANCA retoma as accións de voluntariado ambiental en Corrubedo
- Un grupo de 40 voluntarios e voluntarias do banco e a súa Obra Social colaboraron na limpeza de especies exóticas invasoras e na recollida de residuos nesta zona de máximo interese ambiental e paisaxístico
- A próxima acción de conservación do litoral realizarase na praia de Doniños (Ferrol)
A contorna do faro de Corrubedo, no concello coruñés de Ribeira, acolleu o sábado unha nova acción da campaña de voluntariado ambiental ‘Traballando pola mellora do patrimonio natural’ que impulsan ABANCA e a súa Obra Social, Afundación, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat.
Un grupo de 40 voluntarios e voluntarias desprazáronse a esta área de especial interese ambiental e paisaxístico, moi próxima ao Parque Natural Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, para colaborar na limpeza de especies exóticas invasoras e na recollida de residuos.
Os participantes conseguiron eliminar 14 m3 de Carpobrotus edulis, unha planta procedente de Sudáfrica que constitúe unha ameaza para as especies autóctonas, e 3 m3 de e lixo, principalmente plásticos, envases e papeis. As accións ambientais previstas no programa de voluntariado do banco para o último trimestre do ano pon o foco na limpeza do litoral galego co obxectivo de conseguir un impacto directo nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable ‘Acción polo clima’, ‘Vida submarina’ e ‘Vida de ecosistemas terrestres’.
A próxima acción de conservación da contorna costeira realizarase nas próximas semanas na praia de Doniños (Ferrol).