ABANCA reúne a 6.000 empregados en Galicia para celebrar o seu 10 Aniversario e comezar a deseñar o seu futuro
- O presidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, lideraron unha Convención que contou con representación de once países de Europa e América
- O evento supón un gran despregamento organizativo e loxístico que se traduciu nunha ampla repercusión social e económica en Galicia
- A organización seguiu os criterios de apoio á economía local, sostibilidade e inclusión social
ABANCA celebrou hoxe na Coruña un evento corporativo para celebrar os seus primeiros dez anos de actividade e comezar a trazar a súa estratexia de cara ao futuro. O evento reuniu a máis de 6.000 persoas procedentes de distintos puntos de España, Portugal e outros nove países de Europa e América nos que a entidade financeira desenvolve a súa actividade.
A axenda do día, de marcado carácter festivo, incluíu as intervencións do presidente do banco, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e do conselleiro delegado, Francisco Botas, quenes lembraron a positiva evolución do banco desde o seu lanzamento en xuño de 2014 e presentaron as grandes liñas da estratexia para os próximos exercicios.
“Dez anos despois, volvemos a este mesmo lugar, escenario da nosa primeira convención, como unha entidade plenamente asentada, competitiva, con personalidade diferenciada e recoñecida polo mercado”, destacou Juan Carlos Escotet Rodríguez.
“Somos unha organización que pensa no longo prazo: temos por diante un proxecto de crecemento para desenvolver o noso modelo como entidade financeira e seguir facendo historia”, sinalou Francisco Botas.
Organización e loxística
O evento co que ABANCA celebra o seu décimo aniversario supuxo un gran despregamento organizativo e loxístico que se traduciu nunha ampla repercusión social e económica en Galicia. A organización da cita seguiu os criterios de apoio á economía local, sostibilidade e inclusión social.
Preto de 3.000 desprazamentos, máis de 1.500 prazas hoteleiras, decenas de empresas contratadas, na súa maioría galegas, e preto de 600 profesionais que traballaron antes, durante e despois do evento son algúns dos números máis destacados da convención celebrada hoxe.
Dez anos de transformación
Desde o seu lanzamento en xuño de 2014, ABANCA executou un amplo plan de transformación en gobernanza, cultura corporativa, comercial e tecnoloxía que a situou como unha entidade con personalidade diferenciada no mercado, plenamente solvente, rendible de maneira recorrente, e comprometida coa súa contorna e coa sostibilidade.
Como primeiro paso, a entidade implantou un novo modelo de goberno corporativo baseado na profesionalidade e as mellores prácticas das sociedades cotizadas. Esta decisión acompañouse da creación dunha nova cultura corporativa baseada na calidade, a confiabilidade, a responsabilidade e a innovación.
No terreo comercial, ABANCA lanzou un modelo de atención omnicanal que aúna as vantaxes da tecnoloxía co trato persoal; actualizou o seu catálogo con novos produtos e servizos sinxelos, competitivos e innovadores, en financiamento, aforro e investimento, seguros etc.; renovou a súa rede cun novo modelo de oficina; e creou unidades especializadas para atender aos clientes con necesidades diferenciadas (banca privada e persoal, agro e mar, seguros, empresas, xestión de activos, financiamento ao consumo, entre outras).
En crecemento
Nestes dez anos o banco veu crecendo orgánica e inorgánicamente cunha marcada vocación ibérica. A entidade multiplicou por 2,1 o seu volume de negocio, por 3,2 a súa marxe financeira e por 1,6 os seus gastos de explotación, cifras que tiveron reflexo na mellora da eficiencia.
Un dos principais instrumentos de desenvolvemento foron as adquisicións realizadas, todas elas complementarias co modelo e estratexia da entidade e integradas exitosamente. Tras a recente integración de TARGOBANK, o banco ultima agora a adquisición de EuroBic, coa que triplicará a súa presenza en Portugal e converterase nun dos principais bancos do país.
ABANCA investiu nos últimos anos máis de mil millóns de euros en dixitalización, para crear proxectos como ABANCA Conecta ou B100 e desenvolver novas capacidades como Firma ABANCA ou a robotización de procesos. A través da súa estratexia de innovación a entidade multiplicou por cinco o seu número de clientes dixitais e conta cunha das mellores apps de banca móbil do mercado.
O conxunto destas iniciativas deu lugar a unha positiva evolución dos índices de prescrición e a un incremento das cotas de mercado en todas as liñas.
Esta profunda transformación traduciuse nunha mellora constante das cualificacións emitidas sobre a entidade polas catro axencias de rating que a avalían. Todas elas sitúan a ABANCA en grao de investimento.
Sostibilidade
Esta boa posición en materia de cualificacións esténdese ao terreo da sostibilidade, no que ABANCA é o 8º banco do mundo na clasificación da axencia Sustainalytics e conseguiu excelentes cualificacións de Moody's Analytics e MSCI ESG Ratings.
A través do seu Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 o banco aliñou a sostibilidade coa súa estratexia de transformación, integrando no seu modelo (de xestión, de negocio e de riscos) os aspectos ambientais, sociais e de gobernanza (ESG). O banco persegue un dobre obxectivo: por unha banda, incorporar ao seu funcionamento como organización prácticas sostibles (uso de enerxía de orixe renovable, redución de consumos, reciclaxe/reutilización, minimización de desprazamentos etc.), e, por outro, acompañar aos seus clientes nos seus procesos de transición cara á sostibilidade.
Impacto na sociedade
Desde o momento do seu lanzamento como entidade financeira, ABANCA situou o compromiso social e coa súa contorna como unha das súas máximas prioridades.
En primeiro lugar, ABANCA impacta positivamente na economía pola súa contribución directa ao PIB. Tamén a través da concesión de crédito, cifrada en 56.504 millóns de euros entre 2013 e 2023. Outro plano da súa achega é o da accesibilidade financeira, con apoio preferente aos colectivos especialmente sensibles, como os maiores.
O desenvolvemento do propio proxecto de ABANCA constitúe para a súa contorna unha panca de xeración de emprego cualificado e altamente tecnolóxico. O persoal total do banco creceu nun 50% nos últimos dez anos, ata os 8.000 empregos. Ademais, a entidade dinamiza de maneira significativa a economía local a través da contratación de numerosos provedores en múltiples sectores.
Como entidade socialmente responsable, o banco desenvolve unha ampla actividade en educación, cultura, medioambiente, educación financeira, atención a maiores ou deporte, tanto de maneira directa desde ABANCA como a través de Afundación, a súa Obra Social. Este compromiso tradúcese nunha forte dotación orzamentaria, mantida ano tras ano, que ata este momento supón un importe total de 120 millóns de euros.