ABANCA Seguros incorpora a Gema Reig como directora de Desenvolvemento de Negocio para implantar un novo modelo omnicanal
- A nova directora de Transformación e Desenvolvemento de Negocio para España e Portugal de ABANCA Seguros aporta máis de 20 anos de experiencia no sector
- O banco busca con esta chegada fortalecer o seu negocio no segmento, desenvolver o plan estratéxico e implantar un novo modelo omnicanal
ABANCA Seguros reforza o seu equipo directivo e incorpora como nova directora de Transformación e Desenvolvemento de Negocio para España e Portugal a Gema Reig. Con máis de dúas décadas de traxectoria no sector, a chegada de Reig referenda a vocación estratéxica desta división para o banco.
Entre os grandes obxectivos que ABANCA Seguros persegue con esta incorporación destacan o impulso do negocio asegurador, o desenvolvemento do plan estratéxico e a implantación dun novo modelo omnicanal. Reig tamén se incorporará como conselleira executiva á nova compañía que o banco lanzou o pasado ano de maneira conxunta con Crédit Agricole Assurances.
A nova directora de Transformación e Desenvolvemento de Negocio para España e Portugal de ABANCA Seguros recalou nas últimas dúas décadas en empresas como AXA ou BBVA, onde desempeñou distintos cargos relacionados co desenvolvemento de negocio, marketing e innovación. Formou parte tamén de distintas plataformas dixitais e empresas emerxentes. Licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola Universidad Complutense de Madrid e MBA pola University of Houston, completa a súa formación especializada co mestrado en Dirección de Marketing por ESADE, o Programa de Desenvolvemento Directivo de IESE e o Global Master of Digital Business de ISDI.
A experiencia e o talento de Gema Reig serán claves para unha división que nos últimos anos protagonizou algúns dos lanzamentos máis innovadores do sector como a Tarifa Plana de ABANCA Seguros ou o seguro ON-OFF, todo iso sen esquecer a importante aportación á conta de resultados do banco.