ABANCA subscribe o Compromiso Colectivo para a Acción Climática de Nacións Unidas
- O banco avanza na estratexia de aliñar a súa actividade cos obxectivos climáticos internacionais
- Os 31 Signatarios Fundadores dos Principios de Banca Responsable realizan este anuncio un día despois do lanzamento global desta iniciativa
ABANCA sumouse ao Compromiso Colectivo para a Acción Climática subscrito hoxe en Nova York polos bancos coa consideración de Signatarios Fundadores dos Principios de Banca Responsable. A firma do acordo realizouse coincidindo co Cumio de Acción Climática de Nacións Unidas e un día despois do lanzamento global dos Principios, no que participou o conselleiro delegado da entidade, Francisco Botas.
Con este anuncio, ABANCA únese a un grupo de 31 bancos de todo o mundo que dan o primeiro paso tanxible no compromiso de aliñar os seus negocios cos obxectivos climáticos internacionais. O documento establece accións concretas e con prazos determinados que os bancos asinantes porán en marcha para ampliar a súa contribución e aliñar a súa actividade cos obxectivos do Acordo de París sobre o clima.
Entre outras medidas, as entidades comprométense a financiar a economía baixa en carbono, utilizar os seus produtos, servizos e relacións cos clientes para facilitar a transición económica requirida para alcanzar a neutralidade climática, e ser transparentes á hora de comunicar o impacto climático da súa actividade e o progreso que realiza nestes compromisos.
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, subliña que “a responsabilidade social corporativa é unha prioridade estratéxica para ABANCA e o noso obxectivo é promover sempre accións que sirvan como impulso para a mellora social e o crecemento sustentable e que estean en liña cos dez principios do Pacto Mundial e cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable aprobados por Nacións Unidas. Por iso non dubidamos en sumarnos aos Principios de Banca Responsable e subscribir o Compromiso Colectivo para a Acción Climática, que está en consonancia co noso modelo de banca responsable e sustentable”.
O director da Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI), Eric Usher, destaca que “ao anunciar o seu compromiso histórico o día do cumio de Nacións Unidas sobre a acción climática, os bancos asinantes demostran a importancia que o sector privado outorga ao seu compromiso de avanzar cara unha economía baixa en carbono e medioambientalmente sustentable. Están a demostrar o poder construtivo da industria bancaria a través da acción colectiva para lograr un impacto global”.
Nesta ligazón está dispoñible o texto completo do Compromiso Colectivo para a Acción Climática e todos os bancos que o subscribiron.