ABANCA suma esforzos cos agricultores do Bierzo para abordar os desafíos do sector
- As dúas entidades renovan o seu convenio de colaboración, co foco posto en ofrecer solucións para o día a día e en impulsar o desenvolvemento de novos proxectos
- O banco segue de preto as necesidades dos profesionais do campo, que en poucas semanas pasaron de vivir unha profunda seca a sufrir inundacións
ABANCA e a Asociación Berciana de Agricultores (ABA) comezan o ano dando un novo impulso ao traballo conxunto que manteñen. As dúas entidades renovaron un convenio de colaboración que busca adaptarse á complexa situación do sector na comarca, afectado polo aumento do custo das materias primas e da enerxía, pero tamén pola falta ou exceso de recursos hídricos experimentado nos últimos meses.
O novo convenio foi asinado polo coordinador de ABANCA Agro en Castela e León, Alfonso García, e polo presidente de ABA, Daniel Franco, e supón unha mostra do compromiso que a entidade financeira mantén cun dos sectores clave da provincia. Este texto xa está en vigor e permite aos produtores de peras, cereixas, castañas ou outros cultivos desta zona xeográfica acceder a unha oferta a medida para afrontar os seus principais desafíos. Logo da sinatura, os representantes das dúas entidades analizaron as previsións do sector para este ano e acordaron manter un contacto fluído para elaborar unha resposta áxil ás posibles necesidades.
A nova oferta financeira prolonga e amplía os produtos e servizos que ata agora o banco viña ofrecendo aos agricultores asociados, con condicións competitivas para captar e impulsar investimentos. Entre o catálogo de produtos destacan os préstamos persoais ou hipotecarios, así como o leasing, con amplos prazos de amortización e posibilidade de incluír carencias. Un ano máis, ambas as entidades quixeron facer fincapé na aposta estratéxica pola sostibilidade coa posta en marcha de novas liñas de financiamento destinadas a mellorar a eficiencia enerxética, a modernización das explotacións, a adquisición de vehículos eléctricos ou híbridos ou calquera que supoña un aforro no consumo eléctrico.
Xunto a estas opcións, a oferta financeira á medida dos produtores agrarios inclúe tamén solucións como liñas de comercio exterior, leasing, confirming, factoring ou avais para a modernización dos regadíosou a compra de maquinaria e fincas. Todo iso sen esquecer as alternativas de crédito oficiais activadas polo MAPA a través de SAECA, polo ICO, ou pola Junta de Castilla y León a través do Instrumento Financiero de Gestión Centralizada (IFGC).
Os gastos correntes para afrontar a actividade diaria, derivados en moitos casos dos incrementos do prezo das materias primas e da enerxía, tamén teñen o seu capítulo no novo texto. Por exemplo, a través da póliza de crédito para financiar os gastos do día a día, cun prazo máximo de ata 5 anos. Estes profesionais do campo tamén poderán optar a anticipos de subvencións ou impostos, unha alternativa flexible para as necesidades da campaña.
Do mesmo xeito, os agricultores poderán acceder ao catálogo de seguros de ABANCA para o sector primario, como a liña AgroSeguro, o Seguro de Explotación Agraria ou o Seguro de Maquinaria Agrícola, entre outros. As primas destes seguros pódense financiar sen xuros e pagarse en prazos ata en 12 meses.