ABANCA súmase á European Money Week cunha vintena de actividades en toda Galicia
- Voluntarios do banco ofrecerán formación financeira a 600 escolares de diferentes centros educativos das principais cidades galegas
- Esta acción forma parte do Programa de educación Financeira que desenvolve ABANCA ao longo de todo o ano
ABANCA organiza as próximas semanas unha vintena de actividades de educación financeira en centros escolares das principais cidades galegas con motivo da European Money Week, unha iniciativa da Federación Bancaria Europea na que participan máis de 30 países e que chega este ano á súa terceira edición.
Vinte voluntarios do banco visitarán en total sete centros escolares, un de cada unha das principais cidades galegas, para iniciar en coñecementos económicos e financeiros a 600 estudantes de 3º e 4º da ESO dentro do programa da Asociación Española de Banca ‘Tus finanzas, tu futuro’.
As primeiras conferencias tiveron lugar hoxe 7 de marzo no Colexio Sagrado Corazón Mercedarias de Ferrol e o Colexio El Pilar Maristas de Vigo. En cada un destes centros realizaranse varias sesións para que poidan participar na iniciativa todos os alumnos e alumnas destes dous cursos de ensino secundario. As charlas continuarán o luns 13 no Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo e SEK Atlántico de Pontevedra e o mércores 22 no IES Rosalía de Castro de Santiago.
Programa Educación Financeira
A participación de ABANCA na iniciativa ‘Tus finanzas, tu futuro’ que propón a AEB con motivo da European Money Week forma parte do Programa de Educación Financeira que desenvolve o banco ao longo de todo o ano e do que en 2016 beneficiáronse 13.000 persoas.
“Achegar a toda a cidadanía, independentemente da súa idade, a información e conceptos máis importantes do ámbito financeiro para que poidan tomar decisións máis responsables e acertadas sobre as súas finanzas persoais é unha das liñas de traballo estratéxicas dentro da nosa política de responsabilidade social corporativa e ao longo deste ano imos seguir traballando para aumentar o número de beneficiarios”, explica Tatiana Suárez Cancelo, directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA.
O Programa de Educación Financeira do banco inclúe accións pensadas para diferentes idades e colectivos, entre eles, os escolares, como o Gran Prix Financeiro ou a obra de teatro ‘De los cuentos a las cuentas’, outras dirixidas a novos estudantes como o proxecto ‘Tus finanzas, tu futuro’ e a conferencia ‘Preparados para dar o salto?’ e tamén actividades deseñadas para promover os coñecementos financeiros entre outros colectivos sensibles que poden resultar vulnerables, como a xente maior.