ABANCA transforma a súa oficina principal en Oviedo dotándoa de máis tecnoloxía e especialización
- O novo centro, con máis zonas de atención personalizada e autoservicio, conta cun equipo de 7 persoas, entre os que figuran xestores especialistas en pemes, negocios e seguros
O presidente e o conselleiro delegado de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas, presentaron hoxe aos clientes de Oviedo as novas instalacións da oficina principal da entidade na cidade. A sucursal foi transformada para adaptala ao novo modelo comercial que o banco está a incorporar na súa rede comercial.
O local da rúa Uría, de case 400 metros cadrados repartidos en dúas plantas, foi reformado integramente para implantar o novo modelo de oficina que ABANCA está a incorporar na súa rede comercial. Con este novo deseño, a entidade pretende mellorar a calidade de servizo ao cliente a través dunha atención máis eficiente, áxil, personalizada e especializada.
Durante a súa intervención, o presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, destacou como unha das características fundamentais de ABANCA e do novo modelo de oficina o uso da tecnoloxía, “somos unha entidade que cre firmemente nas bondades do proceso de dixitalización que está a transformar xa tanto a sociedade en xeral como a economía en particular”.
Especialización
A nova oficina conta cun equipo de 7 profesionais, entre os que figuran xestores especializados en pemes, xestores de negocios e xestores previsión e planificación social. Ademais, no mesmo edificio tamén se integra a oficina de empresas, o que permite ofrecer unha atención máis personalizada e dar respostas adaptadas a cada segmento de clientes.
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, sinalou que “o obxectivo principal que buscamos con este novo modelo de oficina é mellorar a calidade de servizo para ofrecer aos nosos clientes a mellor experiencia na súa relación coa entidade”. A oficina principal de Oviedo, que será o centro de referencia da entidade en Asturias, conta con espazos máis abertos, modernos e transparentes, cun forte compoñente tecnolóxico e de imaxe. Carece de despachos, e os espazos adáptanse en función do servizo que se preste ao cliente.
O novo deseño contempla catro mesas de atención personalizada ao cliente e dúas salas de reunións, que outorgan unha maior privacidade. A oficina conta tamén cun posto de atención transaccional para a operativa en efectivo e as tarefas máis administrativas. Todo o equipo da oficina posúe tabletas Microsoft Surface, que permiten unha total mobilidade para dar unha mellor resposta ás demandas dos clientes. As novas instalacións albergan un caixeiro de última xeración para realizar operacións e están dotadas cunha rede WIFI gratuíta. Ademais, contan cun xestor de benvida, un dispositivo que acolle e informa o cliente para que, se o desexa, poida seleccionar a operación e profesional polo que desexa ser atendido.
ABANCA en Asturias
Con trece oficinas en Asturias, dúas delas centradas en empresas, ABANCA ofrece un servizo integral con produtos especialmente adaptados a empresas e particulares. No que vai de ano, ABANCA aumentou un 17,7% o seu investimento crediticio nesta comunidade autónoma. Asturias conforma, xunto con Galicia e León, a área principal de negocio de ABANCA, que aspira a converterse na entidade de referencia no norte peninsular.