Alianza entre ABANCA e Crédit Agricole Assurances para desenvolver o negocio de seguros xerais en España e Portugal
- A nova compañía conxunta, con sede en Galicia, combina o coñecemento do cliente de ABANCA e o expertise técnico e de produto de Crédit Agricole Assurances
- O acordo entre o primeiro bancoasegurador europeo e a entidade financeira galega é a longo prazo e con vocación de estabilidade
- A sociedade desenvolverá a súa actividade a través dun modelo disruptivo, centrado no cliente e baseado na tecnoloxía
Descarga los contenidos anexos
ABANCA e Crédit Agricole Assurances presentaron esta mañá na sede madrileña da entidade financeira galega o acordo que os unirá durante os próximos 30 anos para operar no mercado asegurador xeneral en España e Portugal. O primeiro bancoasegurador europeo e a entidade financeira crearán unha joint-venture ao 50 % que ofrecerá ao mercado produtos innovadores apoiados en solucións tecnolóxicas e acompañados dunha experiencia de cliente diferencial. A alianza combina o coñecemento do cliente de ABANCA coa capacidade de Crédit Agricole Assurances no mercado asegurador europeo.
Na rolda de prensa estiveron presentes Frédéric Thomas e Guillaume Oreckin, CEO e head of International Insurance de Crédit Agricole Assurances respectivamente, Juan Carlos Escotet Rodríguez e Francisco Botas Ratera, presidente e conselleiro delegado de ABANCA, e Álvaro García Diéguez, director xeral de ABANCA Seguros.
“Tiñamos moi claro que para cumprir os nosos obxectivos de crecemento necesitabamos un socio industrial potente que complementase as nosas fortalezas. Crédit Agricole Assurances é o socio ideal pola súa posición como referente en Europa no sector asegurador, o seu coñecemento no ámbito do produto, o seu expertise dixital e a súa predisposición a explorar novas oportunidades de negocio”, asegurou Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA.
“A alianza entre Crédit Agricole Assurances e ABANCA, actor innovador no seu mercado, é un exemplo perfecto do noso modelo de bancaseguros, que pode plasmarse no plano internacional mediante alianzas fóra do grupo, como xa fixemos no pasado. Baixo a máxima de ‘100% humano, 100% dixital’, podemos ofrecer ao cliente a opción de acceder aos seus servizos financeiros a través de todas as canles, desde as máis tradicionais ás máis innovadoras. Esta alianza coincide cos obxectivos do novo plan a medio prazo de Crédit Agricole sobre o reforzo da nosa actividade no ámbito internacional”, concluíu Frédéric Thomas, CEO de Crédit Agricole Assurances.
Proxecto de nova creación
A nova compañía conxunta resultante da alianza dirixirase a particulares e empresas de menos de dous millóns de euros de facturación. O seu modelo estará centrado no coñecemento das necesidades do cliente, a creación e comercialización de produtos sinxelos e innovadores, o fomento da contratación self-service e unha operativa omnicanal con enfoque dixital-first.
Co acordo con ABANCA, Crédit Agricole Assurances emprende por primeira vez un proxecto de nova creación no sector asegurador en España. Na operación Crédit Agricole Assurances foi asesorada por Arcano Partners como banco de investimento e Linklaters nos aspectos legais. Pola súa banda, ABANCA contou co asesoramento de BNP Paribas como banco de investimento, Uría Menéndez nos aspectos legais, e Boston Consulting Group como asesor estratéxico. A finalización da transacción queda pendente da obtención das autorizacións dos organismos reguladores competentes.
A firma do acordo pon punto final a un proceso de selección de socio industrial iniciado por ABANCA en setembro de 2018 e no que participaron máis de 25 candidatos de diferentes perfís. ABANCA primou a experiencia bancoaseguradora dos candidatos, a súa capacidade para construír unha proposta de valor innovadora e a existencia dunha visión estratéxica compartida con ABANCA.
Reorganización e innovación nunha liña estratéxica
O negocio de seguros ten sido un dos eixos estratéxicos de ABANCA desde o seu lanzamento en 2014. No marco do seu proceso de transformación, que lle levou a ser unha das entidades máis dinámicas, rendibles e solventes do mercado español, o banco reorganizou a estrutura e reformulou o modelo comercial desta liña de negocio. Entre os principais fitos alcanzados destaca o lanzamento de produtos pioneiros, como a Tarifa Plana de Seguros e os Seguros ON-OFF, e a incorporación dos seguros á aplicación de banca móbil de ABANCA, unha das mellor valoradas polos usuarios en España.
Sobre Crédit Agricole Assurances
Crédit Agricole Assurances, primeira aseguradora en Francia, agrupa ás filiais de seguros de Crédit Agricole. O grupo ofrece unha gama de produtos e servizos de aforro, xubilación, saúde, previsión e seguros de bens. A súa comercialización realízase a través do grupo Crédit Agricole en Francia e nove países do mundo por asesores de xestión patrimonial e axentes xerais. As compañías de Crédit Agricole Assurances diríxense a particulares, profesionais, agricultores e empresas. Crédit Agricole Assurances conta con 4.600 empregados. A fin de 2018, a súa cifra de negocio ascendía a 33.500 millóns de euros (segundo as normas NIIF). Máis información: www.ca-assurances.com
Sobre ABANCA
ABANCA é a entidade financeira líder no noroeste de España. Tras as integracións de Deutsche Bank PCB Portugal e Banco Caixa Geral España, conta con máis de 2 millóns de clientes e unha rede de cerca de 800 oficinas en 11 países, e xestiona máis de 82.000 millóns de euros en volume de negocio. O seu negocio de seguros está cifrado en 400,2 millóns de euros en primas (incluíndo aforro) e 2.797,4 millóns de euros en patrimonio xestionado no segmento de vida. No primeiro trimestre de 2019 a entidade rexistrou un crecemento respecto ao mesmo período do ano anterior do 59,8% en primas de nova produción (vida e xerais), e unha contratación de máis de 16.000 Tarifas Planas, o seu produto estrela en seguros. Máis información: www.abanca.com/gl/