As compras online crecen un 29% e supoñen o 18% do total, segundo o Observatorio ABANCA by IESIDE
- As compras online en multimedia superan en novembro ás realizadas en establecementos físicos
- A actividade comercial descende un 9% en novembro respecto ao ano pasado
- A oitava entrega do informe de big data de medios de pago de clientes galegos de ABANCA analiza o período do 2 ao 29 de novembro
Descarga los contenidos anexos
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Xeral Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Xeral
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - A Coruña Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - A Coruña
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Lugo Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Lugo
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Ourense Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Ourense
- Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Pontevedra Observatorio ABANCA by IESIDE - entrega 8 - Pontevedra
O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a oitava entrega do seu informe sobre a actividade comercial en Galicia, referido ao período do 2 ao 29 de novembro. O informe pon de manifesto un forte crecemento do comercio online, cuxas vendas se incrementan nun 29% respecto ao mesmo período de 2019, e supoñen xa o 18% do total de operacións.
O informe mostra un descenso interanual do 9% (8% incluíndo as compras online) no gasto dos clientes da entidade no comercio galego. En comparación co momento anterior ao comezo da crise do COVID-19, o Observatorio pon de manifesto unha redución do 11%, aínda que se observa un repunte na última semana de novembro debido ao efecto dinamizador do Black Friday.
Seguindo coa tendencia observada nos meses previos, na estrutura de uso de medios de pago o efectivo reduce o seu protagonismo do 42% pre-COVID ao 36% actual. O seu uso cae un 18% en novembro respecto ao mesmo período do ano anterior. A tarxeta de crédito ou débito continúa sendo, co 44% das operacións, a opción preferida polos consumidores.
Análise por sectores
O gasto en establecementos de alimentación mantense un 35% por encima dos niveis previos á crise. No mes de novembro, as compras en alimentación son un 26% máis elevadas que no mesmo período do ano anterior.
Situación similar obsérvase no caso do gasto farmacéutico, que se mantén un 23% por encima dos niveis previos á crise e un 22% por encima do gasto do ano 2019.
O comercio minorista sitúase en niveis un 16% inferiores aos de 2019. Se se contabilizan tamén as compras online, esta redución é unicamente do 8%. Na semana do Black Friday, o gasto en comercios galegos caeu un 22% respecto de 2019, tamén menos, un 17%, se se ten en conta a compra online.
Diferencias entre compoñentes
O comportamento do comercio minorista presenta acusadas disparidades entre os seus diferentes compoñentes. O gasto en moda e complementos experimenta unha caída do 40% respecto de novembro de 2019 en compras totais, aínda que as compras online aumentan un 6%. Fogar e bricolaxe perden o empuxe observado en datas anteriores e crecen só un 3%.
As compras de produtos multimedia crecen un 22% nas últimas dúas semanas de novembro como resultado das campañas comerciais do Black Friday, aínda que o seu anticipo nalgúns establecementos fai que os datos non sexan estritamente comparables aos do pasado ano. Máis da metade das compras de produtos multimedia realizadas en novembro foron online.
O gasto en lecer é un 58% inferior a novembro de 2019, un 63% se se toma como referencia o nivel pre-COVID. O gasto en restaurantes cae un 61% na última semana de novembro, mentres que en hoteis redúcese un 79%. Discotecas e espectáculos caen un 89% respecto de 2019.
A actividade en transporte, incluíndo gasolineiras, mantense por baixo dos seus niveis: é un 35% inferior á etapa pre-COVID e un 40% máis baixa que en novembro de 2019.
Similitude entre provincias
Os ritmos de actividade respecto dos niveis pre-covid compórtanse de maneira homoxénea no conxunto de Galicia, unicamente con lixeiras diferenzas entre o catro provincias. Lugo é a provincia que presenta maior resistencia á crise, mentres que A Coruña é a máis afectada. En Ourense e Pontevedra destaca a contracción do 63% e o 64%, respectivamente, sufrida polo lecer en comparación co mesmo período de 2019.