‘Bajo el signo de Picasso´ recibe máis de 2.000 visitas no primeiro fin de semana de exposición
- ‘Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias’ estará aberta ao público ata o 13 de novembro no Museo de León.
- A mostra inclúe obras de artistas da talla de Picasso, Dalí, Miró, Kandinsky ou Giorgio de Chirico.
A exposición ‘Bajo el signo de Picasso. Vanguardias e influencias en la Colección de Arte ABANCA’ recibiu máis de 2.000 visitas nos tres primeiros días aberta ao público no Museo de León.
A mostra, organizada por ABANCA en colaboración coa Junta de Castilla y León e o Ayuntamiento, foi inaugurada o xoves 15 de setembro nun acto que contou cunha ampla representación de todos os sectores da sociedade leonesa e abriuse ao público xeral o venres 16.
O éxito de asistencia nestes tres primeiros días confirma o atractivo dun proxecto expositivo que permite realizar un percorrido polos momentos máis relevantes da arte española e internacional da primeira metade do século XX a través dunha selección de 38 obras dos fondos artísticos de ABANCA. A exposición inclúe debuxos, pinturas e esculturas de 26 artistas entre os que destacan nomes como Pablo Picasso, Juan Gris, Salvador Dalí, Joan Miró, Vasili Kandinsky, Giorgio de Chirico ou María Blanchard.
Ademais, para aquelas persoas que desexen completar a visita con información adicional das obras ou os autores presentes na mostra, ABANCA pon á súa disposición a app gratuíta ‘Colección de Arte’, dispoñible para dispositivos móbiles tanto Android como iOS. A aplicación utiliza a tecnoloxía de realidade aumentada e permite acceder á ficha artística da obra, afondar na biografía do autor ou consultar outros cadros do mesmo creador que estean presentes na mostra con só enfocar a obra coa cámara do dispositivo móbil.
A Colección de Arte ABANCA é un conxunto artístico de grande interese formado por 1.350 obras de máis de 200 artistas de recoñecido prestixio a nivel galego, español e internacional que ten como eixo vertebrador a arte moderna e contemporánea. A variedade e calidade dos seus fondos convértena nunha das coleccións privadas de referencia en España e é a primeira vez que se mostra ao público fóra de Galicia cun proxecto desta amplitude.