Bankoa ABANCA colabora na recuperación do bosque autóctono de Urdaibai
- Medio centenar de persoas voluntarias do banco participaron nunha actividade de plantación organizada coa Fundación Lurgaia
- É a segunda acción de voluntariado corporativo que organiza ABANCA no País Vasco
Bankoa ABANCA organizou hoxe unha actividade de reforestación na Reserva da Biosfera de Urdaibai na que participaron máis de 50 persoas voluntarias do banco, entre elas o seu director xeral, Jesús Suárez. A acción forma parte do programa de voluntariado corporativo ‘Traballamos pola mellora do noso patrimonio natural’ que impulsa a Obra Social ABANCA, Afundación.
Durante a xornada plantáronse 250 árbores e arbustos autóctonos que contribuirán a recuperar a biodiversidade deste espazo natural de enorme riqueza ecolóxica que comprende 22.000 hectáreas, desde o nacemento do río Oka ata a súa desembocadura en Mundaka, e que constitúe o humidal máis importante do País Vasco. Para a acción seleccionáronse exemplares de carballo, freixo, loureiro, sabugueiro, corneiras e fuseiras.
ABANCA desenvolveu esta iniciativa en colaboración coa Fundación Lurgaia, unha organización privada sen ánimo de lucro que traballa desde o ano 2002 para recuperar antigas plantacións de especies exóticas produtivas e convertelas en bosques de especies autóctonas. En concreto, a plantación realizouse na zona na que a fundación impulsa o proxecto do bosque de Undabaso.
Esta é a segunda actividade de voluntariado corporativo que organiza ABANCA no País Vasco, tras a limpeza de microplásticos realizada na praia de Zarautz o pasado mes de outubro.
O obxectivo destas accións de protección e mellora ambiental do programa de voluntariado Actúa Afundación é xerar conciencia social sobre a importancia de ser respectuosos cos nosos recursos naturais para garantir a súa conservación.