Bankoa ABANCA e a Federación Gipuzkoa Merkatariak asinan un acordo para impulsar o comercio local
- O banco e a federación comercial pactan solucións para as necesidades reais dos negocios, tanto para acometer investimentos como para facer fronte á actividade diaria
- Ambas as entidades poñen o acento no acceso ao crédito, a dixitalización e nos servizos que facilitan o pagamento das compras
Bankoa ABANCA e a Federación Gipuzkoa Merkatariak asinaron un convenio de colaboración co foco posto en garantir o futuro dos comercios locais na provincia. A entidade financeira e a federación comercial acordaron un catálogo cheo de alternativas pensadas para os máis de 1.600 comercios asociados e que pon o acento no acceso ao crédito, a dixitalización e nos servizos que facilitan o pagamento das compras.
O documento foi rubricado na capital guipuscoana polo director xeral de Bankoa ABANCA, Jesús Suárez, e o presidente de Gipuzkoa Merkatariak, Julen Maiz. O acordo, segundo destacaron os asinantes, ten presente a complexa situación económica actual, moi marcada pola subida de prezos e a inflación.
En esencia, a entidade financeira habilita solucións crediticias para as necesidades reais deste colectivo, que permitirán aos comerciantes dispoñer de circulante para a marcha dos seus negocios ou acometer investimentos de mellora ou ampliación dos mesmos. Con este fin, Bankoa ABANCA ofrece produtos con condicións melloradas respecto ao mercado, entre os que destacan préstamos ou leasing mobiliario, con amplos prazos de amortización e xuros moi competitivos. O convenio contempla ademais alternativas de financiamento oficial a través dos acordos que o banco mantén con diversos organismos públicos.
Os comerciantes de Gipuzkoa poderán contratar igualmente pólizas de crédito, anticipos, liñas de desconto comercial ou avais, segundo as súas necesidades. Poderán ademais gozar das vantaxes do Programa Servizos ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento de contas ou tarxetas, transferencias, ingreso de cheques e outros servizos. A entidade financeira presenta tamén unha ampla gama de dispositivos TPV, tanto físicos como virtuais, para que os negocios poidan xestionar as súas cobranzas de forma sinxela, áxil e segura.
Finalmente, co obxectivo de contribuír á transformación dixital dos comercios, a oferta complétase con avanzados servizos de banca a distancia, con solucións como ‘Appúntame’, para a xestión de cobranzas fixas periódicas, así como axudas para levar os seus negocios a Internet. Todo isto para consolidar o crecemento dun sector esencial para a xeración de emprego e riqueza na provincia.