Bankoa ABANCA e Itsas Garapen Elkartea renovan a súa alianza para promover a economía azul nos municipios pesqueiros
- O novo acordo reforza o compromiso de ambas as entidades co desenvolvemento económico e ambiental das zonas pesqueiras
- O banco ofrece o seu extenso coñecemento do sector, a través da unidade especializada ABANCA Mar, para transformar o mundo da pesca e reforzar a súa competitividade
Bankoa ABANCA e o Grupo de Acción Local Pesqueiro Itsas Garapen Elkartea renovaron a súa alianza estratéxica para ofrecer novas solucións financeiras que fomenten a diversificación e modernización do sector pesqueiro e acuícola en Euskadi. Este acordo, asinado hoxe no municipio biscaíño de Zamudio, reforza o compromiso de ambas as entidades co desenvolvemento económico e ambiental das comunidades dependentes da pesca.
O director comercial de Bankoa ABANCA, José Luis Barca, e o presidente de Itsas Garapen Elkartea, Aurelio Bilbao, foron os responsables de formalizar esta nova colaboración, nun acto no que tamén participaron o responsable técnico do GALP, Ekaitz Urtiaga, e o coordinador de ABANCA Mar, Mikel Eraso.
A renovación deste acordo trae consigo unha serie de innovacións financeiras, orientadas tanto a facilitar a creación de novos proxectos como a mellorar a competitividade dos existentes. A entidade financeira —a través de ABANCA Mar— e Itsas Garapen Elkartea están comprometidos coa transición cara a unha economía azul. Neste sentido, entre as principais vantaxes inclúense liñas de crédito flexibles, préstamos con condicións preferentes, anticipos de subvencións e servizos de leasing adaptados ás necesidades do sector.
Outro aspecto destacado deste acordo é o seu enfoque na sostibilidade. O documento inclúe préstamos anticipo, sen comisións ou xuros, para investimentos en eficiencia enerxética, biodiversidade e mellora do impacto climático, promovendo un desenvolvemento económico respectuoso co medio ambiente.
ABANCA Mar, a unidade especializada do banco, continúa ofrecendo a súa experiencia e servizos personalizados, consolidando así á entidade financeira como un referente no apoio ao sector do mar desde 2016.