Bankoa ABANCA impulsa o seu proxecto en Euskadi coa celebración da súa primeira convención
- O evento contou coa participación do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, o director xeral de Negocio de ABANCA, Luis Beraza, e o director xeral de Bankoa ABANCA, Jesús Suárez
Bankoa ABANCA celebrou esta tarde no Cristóbal Balenciaga Museoa de Getaria (Gipuzkoa) a súa primeira convención corporativa. Baixo a lema de ‘Deseñando o noso futuro-Gure Etorkizuna Diseinatzen’, o evento escenificou o compromiso de ABANCA co territorio de orixe da marca Bankoa e serviu de arranque para unha nova etapa de crecemento e reforzo do proxecto, tras a integración de Bankoa en ABANCA.
A cita reuniu a máis de 300 empregados da entidade en Euskadi, Navarra e A Rioxa e contou coas intervencións do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, o director xeral de Negocio de ABANCA, Luis Beraza, e o director xeral de Bankoa ABANCA, Jesús Suárez. Tamén estiveron presentes o comité de dirección de ABANCA e os integrantes do Consello Asesor de Bankoa ABANCA.
Proxecto en crecemento
Na súa intervención, o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, sentou as bases de futuro do banco no territorio, lembrou o camiño percorrido pola entidade até situarse como un dos perfís financeiros máis sólidos do mercado nacional e puxo de manifesto a importancia de Bankoa ABANCA, marca coa que opera en Euskadi e Navarra, dentro do proxecto do banco.
Francisco Botas referiuse tamén á capacidade de integración de diferentes culturas nun proxecto común, demostrada nas seis operacións corporativas acometidas por ABANCA desde 2014, unha delas a de Bankoa. Tamén destacou os fitos alcanzados en materia de goberno corporativo, orientación ao cliente, cultura corporativa e vinculación coa sociedade.
Lanzamento comercial tras a integración
O director xeral de Negocio de ABANCA, Luis Beraza, repasou na súa intervención o modelo comercial da entidade, baseado na súa sistemática comercial propia, a especialización, a innovación, a transformación e a experiencia cliente, sinalando ademais outras características diferenciais, como a proximidade e a omnicanalidade.
Pola súa banda, Jesús Suárez, director xeral de Bankoa ABANCA, debullou as accións a desenvolver e as metas fixadas até o 2024 para ser un competidor relevante no mercado facendo uso das capacidades adicionais resultantes da integración en ABANCA.