Convención 2015 VIGO. Construíndo o banco do futuro
- A entidade aposta pola mellora do servizo ao cliente como panca para estender o seu liderado en Galicia ao resto da zona norte
- O banco impulsará a banca electrónica e o uso de canles alternativas
- ABANCA incrementa en 150 puntos a súa cota de mercado en crédito e depósitos en Galicia
A orientación ao cliente, a banca dixital e a mellora da eficiencia centrarán a estratexia de ABANCA durante o próximos tres anos. Os principais directivos de ABANCA expuxeron hoxe en Vigo as grandes liñas do Plan Estratéxico 2015-2017 nun encontro de traballo que congregou a máis de mil empregadas e empregados da rede comercial e das áreas de negocio do banco.
Na convención participaron o presidente da entidade, Javier Etcheverría; o vicepresidente, Juan Carlos Escotet Rodríguez; o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o director xeral de Negocio España, Luis Beraza; o comité de dirección e Consello de Administración do banco. Tamén asistiron os directores de oficinas e os mandos intermedios da entidade.
Tras completar con éxito o seu lanzamento, levado a cabo en 2014, a entidade financeira galega definiu o seu modelo para os próximos exercicios. “Somos un banco cliente-céntrico. Melloraremos e axilizaremos os nosos procesos internos para ofrecerlle ao cliente un servizo omnicanal, innovador e con altos niveis de calidade”, explicou Juan Carlos Escotet Rodríguez durante o encontro celebrado no Auditorio Mar de Vigo.
A entidade fixouse como obxectivo seguir reforzando o seu liderado en Galicia, que en 2014 incrementouse ao redor de 150 puntos básicos de cota de mercado tanto en crédito como en depósitos, e desde esa posición converterse na entidade de referencia no norte de España.
Programa Cero Comisións
O novo Programa Cero Comisións que ABANCA porá en marcha en abril enmárcase nesta nova estratexia centrada no cliente. De forma automática, a entidade eximirá do pago das comisións máis habituais a un millón de clientes particulares e máis de 60.000 autónomos e micropemes. O resto de clientes particulares poderá beneficiarse da exención de comisións de forma sinxela e accesible, en función da súa vinculación co banco.
ABANCA avanzará durante os próximos anos no desenvolvemento dun modelo de banca máis dixital e multicanal. A entidade marcouse como obxectivo lograr que en 2017 o 50% dos seus clientes utilice con frecuencia a banca dixital.
A mellora da eficiencia será outro dos grandes eixos fundamentais para o banco. A entidade potenciará o crecemento e a xeración de ingresos cunha xestión máis sustentable e contida no gasto. Ao longo de 2014 ABANCA xa reduciu nun 13% os seus gastos de explotación e incrementou a súa marxe de actividade comercial nun 25%.
Crecemento do negocio minorista
ABANCA intensificará durante os próximos anos a súa estratexia de crecemento do negocio minorista, focalizada principalmente no incremento do investimento crediticio e a captación de depósitos.
Os negocios de seguros, medios de pago e fondos de investimento serán tamén prioritarios. “Queremos consolidar o noso liderado no mercado mediante un crecemento eficiente, que nos permita lograr unha rendibilidade axustada ao risco”, sinalou Francisco Botas na reunión. O exercicio 2014 xa ofreceu os primeiros resultados nese sentido, cun incremento do 39% do patrimonio xestionado en fondos de investimento.
A convención de hoxe serviu, ademais, para a posta en común e análise dos principais proxectos que se acometerán este ano e as prioridades comerciais do exercicio, con especial énfase na actividade prevista para o primeiro trimestre.
Os directivos de ABANCA aproveitaron tamén o encontro para facer balance do ano 2014, analizar a boa evolución das grandes magnitudes de negocio e repasar as transformacións acometidas pola entidade no inicio da súa nova etapa.