Deputación de Lugo e ABANCA renovan o Plan Activamos para impulsar o crédito na provincia con 21 millóns de euros
Desde 2014 e Plan Activamos leva financiados en Lugo un total de 2.060 proxectos de familias, empresas e concellos por importe de 55,9 millóns de euros
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, e o director de Banca Institucional de ABANCA, Santiago Novoa, asinaron esta mañá a renovación do convenio do Plan Activamos, a través do cal a entidade financeira destinará 21 millóns de euros para financiar iniciativas enfocadas ao desenvolvemento económico e social da provincia. Como novidade, este ano o convenio incorpora, a proposta do executivo provincial, unha liña de financiamento para reformas de vivendas habituais no medio rural, en poboacións de menos de 20.000 habitantes e fóra do casco urbano.
Campos Conde explicou que, con esta nova liña, o executivo “contribúe ao asentamento e a fixación de poboación en zonas rurais”, un obxectivo que forma parte da aposta do goberno provincial polo impulso do rural. Ademais, destacou a importancia deste tipo de convenios, “que permiten que o crédito chegue ás familias, aos autónomos e ás pequenas e medianas empresas, e favorece o mantemento do emprego na provincia”.
Pola súa parte, Santiago Novoa sinalou que “o Plan Activamos comparte os sinais de identidade esenciais de ABANCA: a concesión de crédito como gran prioridade da nosa actividade, o compromiso co desenvolvemento económico e social da nosa contorna máis próxima, e a implicación coas necesidades das familias e as empresas, os dous colectivos fundamentais aos que nos diriximos”.
A nova liña para vivendas do rural ofrecerá préstamos de entre 10.000 e 60.000 euros en condicións preferentes respecto ás do mercado para a rehabilitación de fachadas e cubertas e para efectuar reformas estruturais que contribúan á confortabilidade da vivenda habitual e á súa mellora estética.
Esta axuda está dirixida ás familias, para as que tamén se contemplan outros catro tipos de préstamos: para equipamento tecnolóxico, para financiar estudos e formación, para a adquisición de vehículos eficientes e para mellorar a accesibilidade e eficiencia enerxética no fogar.
Ademais das familias, o Plan Activamos inclúe outros dous grupos de beneficiarios: empresas e autónomos, que poderán optar a axudas para o emprendemento, a realización de novos investimentos, a creación de emprego, a mellora da eficiencia enerxética e as necesidades de circulante; e os concellos e organismos autónomos, que poderán cubrir as súas necesidades de investimento, circulante, avais e confirming.
Máis de 2.000 operacións por un importe de 55,9 millóns de euros
Dende que foi creado no 2014, o Plan Activamos supuxo na provincia de Lugo a realización de 2.062 operacións de financiamento, entre préstamos e créditos, por un importe de 55,9 millóns de euros. A media por operación foi de 27.109 euros.
Por sectores, o principal colectivo receptor de financiamento foi o das empresas, cun 96%, seguido das familias, cun 3%, e das corporacións locais, cun 1%. No caso das empresas, o financiamento concedido estivo dirixido fundamentalmente a necesidades de tesouraría a curto prazo, cun 45 %; a novos investimentos, cun 41 %;, e emprendedores e creación de emprego, co 10 %.