“Días Azuis” para mercar no comercio galego
- ABANCA, a Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia presentan a terceira edición desta iniciativa para incentivar as compras nos negocios de proximidade
- Este ano levaranse a cabo dúas edicións da promoción, a primeira delas este mes, na que se repartirán 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e 150 euros
O director de Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, xunto coa directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentaron esta mañá en Santiago a terceira edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
No acto anunciouse que neste 2019 levaranse a cabo dúas edicións desta iniciativa promocional, unha no mes de maio e outra no segundo semestre do ano, co obxectivo de fomentar, estimular e impulsar a merca no comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector.
A primeira acción de Días Azuis do Comercio Galego deste ano desenrolarase dende o vindeiro luns, 13 de maio, ata o 26 de maio, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos da Comunidade Autónoma. Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com ou solicitar ó comerciante que faga o rexistro.
Os establecementos do comercio galego, as rúas, as vilas e as cidades, vestiranse novamente de azul durante esta campaña, que ten como elemento máis identificativo un círculo azul grande, imaxe da iniciativa, e outros elementos corporativos. Ademáis, prevese novamente un forte impacto nas redes sociais, a través do hastag #díasazuis.
A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de ABANCA, entidade que aporta os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.
Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou o éxito e a importancia que estas campañas teñen na dixitalización e promoción do sector, e marcou como reto superar os 95.000 tickets de compra rexistrados no 2018. Do mesmo xeito, remarcou a forza da colaboración entre as tres entidades organizadoras, que fai posible actuacións tan importantes para o comercio galego como esta campaña e outras actividades que se realizan ao longo do ano.
Pola súa banda, o director de Red Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, salientou o apoio estratéxico que presta a entidade financeira galega ao pequeno comercio, ao que dá servizo a través da súa unidade especializada en Negocios. Explicou que ABANCA ten a disposición do sector unha oferta financeira especializada orientada a mellorar a súa competitividade, con ferramentas como ‘Aprazos’, para financiar aos clientes, ou o servizo dixital ‘Alavuelta’, que lles axuda a xerar máis negocio.