Edmond de Rothschild e ABANCA asinan unha alianza estratéxica para ofrecer unha ampla gama de servizos
- Mediante este acordo ABANCA poderá ofrecer servizos de External Asset Management aos seus clientes, aproveitando a experiencia internacional e a ampla oferta de servizos que Edmond de Rothschild pon a disposición dos seus partners
Edmond de Rothschild e ABANCA asinaron un acordo estratéxico de colaboración, o cal permitirá aos clientes de banca privada de ABANCA acceder ás vantaxes competitivas que ofrece Edmond de Rothschild en Luxemburgo.
Mediante este acordo ABANCA poderá ofrecer servizos de External Asset Management aos seus clientes, aproveitando a experiencia internacional e a ampla oferta de servizos que Edmond de Rothschild pon a disposición dos seus partners: Custodia, Institutional & Fund Services (solucións para vehículos de investimento), Lending Solutions (créditos lombardos, préstamos hipotecarios, etc.), Private Equity e Real Estate.
Este acordo forma parte da estratexia de ambas as entidades por ofrecer servizos integrais a clientes cun perfil cada vez máis especializado e que buscan solucións a medida das súas distintas necesidades patrimoniais.
Para Pablo Torralba, CEO de Edmond de Rothschild en España, “o acordo estratéxico con ABANCA ofrece unha oportunidade para abordar a complexidade operativa e ofrecer aos seus clientes un servizo superior. Permite a ABANCA ampliar o seu abanico de servizos e satisfacer as súas necesidades ao construír un ecosistema de investimento de valor agregado. Estamos encantados de asociarnos con ABANCA e ofrecer aos seus clientes o acceso a unha plataforma sólida, solvente e diversificada con domicilio en Luxemburgo, pero coa atención directa desde España, e sempre co respaldo do Grupo Edmond de Rothschild, que garante solvencia e diversificación, ademais de confianza e experiencia”.
Doutra banda, Gabriel González Eiroa, director xeneral Comercial de ABANCA, considera que “a alianza incrementa e complementa a capacidade de ABANCA para dar servizos internacionais aos clientes de Banca Privada. Á plataforma de Banca Privada de Portugal, Suíza e EE.UU. en Miami con que contamos únense con esta firma as capacidades de investimento a través dos produtos de investimento colectivo baixo lexislación luxemburguesa que amplía a gama de solucións máis a medida para os clientes de banca privada da entidade”.
Sobre o Grupo Edmond de Rothschild
Edmond de Rothschild é unha casa de investimentos baseada en conviccións e asentada sobre a idea de que a riqueza debe servir para construír o futuro. Edmond de Rothschild está especializada en banca privada e xestión de activos. Ao servizo de tanto clientes internacionais, como familias, empresarios e investidores institucionais, o Grupo tamén conta con outras liñas de negocio, como Corporate Finance, Private Equity, Real Estate e Fund Services. O carácter familiar de Edmond de Rothschild garántelle a independencia necesaria para ofrecer estratexias audaces e investimentos a longo prazo, arraigadas na economía real. Fundado en 1953, o Grupo conta con CHF 168 000 millóns en activos xestionados a data de decembro 2020, 2500 empregados e 33 sedes en todo o mundo.
Sobre ABANCA
ABANCA é a entidade financeira líder no noroeste de España. Conta con 676 oficinas en 11 países de Europa e América, 6.126 empregados e un volume de negocio de máis de 107.000 millóns de euros. A súa proposta diferencial combina a atención persoal coa operatoria a través de canles dixitais e a distancia. ABANCA basea a súa actividade no coñecemento das necesidades do cliente e nun catálogo de produtos e servizos sinxelos, innovadores e transparentes. A especialización, a internacionalización e a sostibilidade son outras das principais características dunha entidade financeira situada entre as máis solventes do sector en España. Máis información: www.abanca.com