Educa e ABANCA entregan os VII Premios EDUCA ABANCA aos mellores docentes de 2023
- A plataforma educativa e a Obra Social do banco recoñecen a importancia do papel que desempeñan os docentes na sociedade.
A plataforma educativa Educa e a Obra Social ABANCA entregaron esta tarde na facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña os VII Premios EDUCA ABANCA aos mellores docentes de 2023.
Educa, en colaboración con Afundación, impulsa desde 2017 esta iniciativa co fin de render unha merecida homenaxe a todos os profesionais do ámbito educativo que desempeñan o seu labor nas diferentes etapas da formación académica regrada e tamén na educación non formal.
A gala de entrega desta sétima edición dos galardóns reuniu a 270 persoas entre premiados, docentes e un nutrido grupo de representantes institucionais entre os que se atopaban o subsecretario de Educación, Formación Profesional e Deportes, Santiago Roura; a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, Judith Fernández; o concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego; o director xeral de Responsabilidade Social, Sostibilidade e Comunicación de ABANCA, reitor da Universidade Intercontinental da Empresa e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, e o director xeral da plataforma Educa, Víctor Arufe.
Ademais de entregar o galardón aos sete docentes premiados nas diferentes categorías establecidas, na gala realizouse un recoñecemento especial a todos os profesores e profesoras que quedaron finalistas. En total, 61 profesionais que desenvolven o seu traballo en localidades de diferentes puntos da xeografía española foron distinguidos pola súa boa práctica docente e a dedicación á súa profesión.
Loida González Montenegro, profesora no CEIP Lajares (Illas Canarias) recolleu o premio na categoría de Educación Infantil. Paco Pascual Soler, mestre no Colegio San Roque de Alcoy (Comunidad Valenciana), foi o gañador na categoría de Educación Primaria. José Ignacio Gago, profesor no Centro Teresianas de Valladolid (Castela e León), recibiu o galardón no apartado de Educación Secundaria. Patricia Mercedes Santos Campos, docente no IES Profesor Isidoro Sánchez de Málaga (Andalucía), foi recoñecida na categoría de Formación Profesional. Daniel Navarro Ardoy, mestre nos centros OposPills e Neuroedufit S.L. (Murcia), alzouse co premio na categoría de Educación non formal. Por último, Daniel Pattier Bocos, profesor na Universidade Complutense de Madrid (Comunidade de Madrid), obtivo o recoñecemento na categoría de Universidade.
Cada un recibiu unha figura conmemorativa EDUCA, un diploma acreditativo e un premio en metálico.
Como broche final, entregouse a mención honorífica á traxectoria docente a Luis Alberto Anés Palacios, profesor xubilado que impartiu docencia en diversos centros de Huelva.
Convocada a oitava edición dos Premios EDUCA ABANCA
Coincidindo coa gala de entrega de galardóns aos mellores docentes de 2023 abriuse o prazo para presentar candidaturas para a sétima edición dos premios, que distinguirán aos profesores que destaquen pola súa boa praxe profesional en 2024.
Calquera estudante pode propoñer para o galardón ao docente que admire pola súa entrega á profesión e o traballo que realiza a través do formulario dispoñible na web www.plataformaeduca.org. No caso das categorías de Educación Infantil e Primaria serán as familias quen deba realizar as propostas.
Os Premios EDUCA ABANCA teñen como obxectivo mellorar a visibilidade da boa práctica docente entre a sociedade e dar voz ao alumnado e ás súas familias á hora de recoñecer a aqueles profesores que destaquen polo seu bo facer. A iniciativa permite enxalzar a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensino e tamén a importancia do papel que desenvolven estes profesionais na sociedade.