EDUCA e ABANCA renden homenaxe aos mellores docentes de España na gala dos III Premios EDUCA ABANCA
A plataforma educativa EDUCA e a Obra Social ABANCA entregaron este sábado no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela, os Premios EDUCA ABANCA aos docentes que o ano pasado destacaron pola súa boa práctica e a dedicación á súa profesión en cada unha do cinco categorías establecidas.
A gala, que serviu como unha homenaxe xeral a esta profesión fundamental para o progreso da sociedade, reuniu a 300 persoas, entre as que se atopaban familiares e amigos dos galardoados, pero tamén numerosos profesionais do ámbito académico e representantes institucionais, como o director xeral de RSC e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, ou o secretario xeral técnico da Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén.
Os 50 docentes finalistas desta terceira edición, dez por cada unha do cinco categorías establecidas, foron os auténticos protagonistas do evento, no que se reservou un lugar destacado para os cinco gañadores, que nesta edición foron Patricia del Valle Pozo, profesora no CEIP Averroes de Arroyomolinos (Madrid), na categoría de Educación Infantil; María Lourdes Jiménez García, mestra no CEIP Santa María de Nazaret de Chiclana de Segura (Andalucía), na categoría de Educación Primaria; Lluis Bonet Juan, profesor no IES Mare Nostrum de Alacante (Comunidade Valenciana), no apartado de Educación Secundaria; Sergio Banderas Moreno, do IES Campanillas de Málaga (Andalucía), en Formación Profesional, e Alejandra Cortés Pascual, profesora na Universidad de Zaragoza (Aragón), na categoría de Universidade. Cada un recibiu unha figura conmemorativa EDUCA, un diploma acreditativo e un premio en metálico.
Nesta ocasión, a gala estivo amenizada polo coro do IES A Xunqueira I de Pontevedra, unha agrupación musical formada por estudantes, profesores e exalumnos do centro educativo que interpretou tres temas: El abanico de Manuel Martínez Guirao; In this delightfull pleasant groves de Henry Purcel e Tres cantos nativos don Insios Krao de Marcos Leite.
Os Premios Educa ABANCA xorden en 2017 co fin de mellorar a visibilidade da boa práctica docente entre a sociedade e dar voz ao alumnado e ás súas familias á hora de recoñecer a aqueles profesores que destaquen polo seu bo facer. O principal obxectivo da iniciativa é enxalzar a figura do bo docente, a súa implicación no proceso de ensino e tamén a importancia do papel que desenvolven estes profesionais na sociedade.