Empresarios e representantes institucionais visitan a exposición da Colección ABANCA no Museo de Bellas Artes de Asturias
- É a primeira vez que se mostra no Principado unha selección ampla dos fondos artísticos do banco, declarados BIC en 2015
- Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de ABANCA, agradeceu a oportunidade de presentar a Colección ABANCA neste espazo e sinalou que “é un fito no percorrido da nosa colección”
- As obras mestras da Colección ABANCA poderán visitarse no Museo de Bellas Artes de Asturias ata o próximo 16 de xaneiro
Un grupo de 50 empresarios e representantes das principais institucións asturianas, entre os que se atopaba o presidente do Principado, Adrián Barbón, visitou hoxe a exposición ‘50 obras maestras de la Colección ABANCA’ no Museo de Bellas Artes de Asturias. O presidente de ABANCA, Juan Carlos Escotet Rodríguez, e o conselleiro delegado do banco, Francisco Botas, exerceron de anfitrións, xunto coa presidenta do museo, Berta Piñán, e o seu director, Alfonso Palacio.
Durante a visita, Juan Carlos Escotet explicou que “entre as máis de 1.300 obras que constitúen o patrimonio artístico de ABANCA, os nosos especialistas escolleron 50 delas, quizais as máis representativas, para ofrecer un percorrido que, coma se fose unha polivalente cronoloxía, propón unha lectura chea de datos, claves e relacións, un prisma co que aproximarse á creación plástica dos séculos XX e XXI”. Ademais, agradeceu a todo o equipo do museo a oportunidade de “mostrar esta exposición neste magnífico espazo, xa que é para nós un fito no percorrido da nosa colección”.
‘50 obras maestras de la Colección ABANCA’ abriuse ao público o mércores 14 de outubro e permite mostrar por primeira vez en Asturias unha selección ampla dos fondos artísticos de ABANCA, a colección de carácter privado máis relevante de Galicia e unha das máis destacadas a nivel nacional, declarada Ben de Interese Cultural en 2015 pola Xunta de Galicia.
A exposición reúne pinturas e esculturas de máxima calidade de artistas que marcaron o devir da historia da arte desde os primeiros anos do século XX, tanto a nivel internacional como en España. Entre eles destacan nomes como Pablo Picasso, Wassily Kandinsky, Paul Klee, Salvador Dalí, Joan Miró, Eduardo Chillida, Antoni Tàpies ou Miquel Barceló.
A mostra estará aberta ao público no andar -1 do Edificio Ampliación do Museo de Bellas Artes de Asturias ata o 16 de xaneiro de 2022. Tamén é posible realizar unha visita virtual á exposición na web da Colección ABANCA: https://coleccion.abanca.com/visitas/50-obras-maestras-de-la-coleccion-abanca/