Francisco Botas: “ABANCA aumentou un 37% o financiamento ao sector forestal en 2020”
- ABANCA Agro celebrou esta mañá un evento en formato dixital para analizar as oportunidades de crecemento e investimento que o sector ofrecerá nos próximos anos
- O encontro contou coa participación do conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, e do conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas
- Os expertos sinalaron á bioeconomía, a compensación de emisións e a colaboración, tanto dentro do sector forestal como con outros, como os principais eixos de desenvolvemento
- A entidade financeira presta servizo a 3.000 clientes de toda a cadea de valor do sector forestal
ABANCA celebrou esta mañá un evento para clientes do sector forestal no que, a través da participación de diferentes expertos, analizáronse as oportunidades de crecemento e investimento que esta actividade económica ofrece de cara ao futuro. O encontro desenvolveuse en formato videoconferencia e foi seguido por máis de 150 persoas.
A xornada contou coa participación de José González, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia; Franciso Botas, conselleiro delegado de ABANCA; Jesús Combarro, director ABANCA Agro; Eduardo Rojas, coordinador da Plataforma Xuntos polos Bosques e decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes; Marta Hernandez, da Oficina Española de Cambio Climático do Ministerio de Transición Ecolóxica; José Carballo, presidente da Fundación Arume e da patronal española da madeira, e Sabela Oca, responsable de Innovación, Calidade e Seguridade Alimentaria de CLUN. A través das súas intervencións, os expertos participantes sinalaron á bioeconomía, a compensación de emisións e a colaboración, tanto no marco da actividade forestal como con outros sectores, como os principais eixos de desenvolvemento do sector para os próximos anos.
Potencial de futuro
Na súa intervención de apertura, o conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, destacou a importancia do sector forestal como “unha realidade no presente da estrutura económica de Galicia”, pero sobre todo polo seu “gran potencial de futuro”.
O conselleiro delegado de ABANCA sinalou como posibles vías de avance “a ordenación do monte, a modernización dos sistemas de produción e o incremento da produtividade, logros que nos permitirían xestionar mellor os recursos naturais e xerar máis riqueza”. Francisco Botas fixo un chamamento a aproveitar “as oportunidades derivadas do xiro cara á economía verde, que nos encamiña cara á redución de emisións e o uso de recursos renovables, xusto o que a madeira pode ofrecer”, destacou.
Doutra banda, puxo de manifesto o compromiso de ABANCA co sector. Cun volume de negocio vinculado ao sector forestal superior aos 300 millóns de euros, a entidade presta servizos financeiros a 3.000 clientes (maioritariamente galegos) vinculados ás distintas actividades da cadea de valor do sector, e no que vai de ano concedeu financiamento ao sector por importe de 62,7 millóns de euros, un 36,9% máis que na mesma data de 2019. “Estamos a realizar un importante esforzo para dotar ao sector forestal dos recursos financeiros necesarios para seguir avanzando”, explicou o conselleiro delegado da entidade con sede en Galicia.
O conselleiro delegado da entidade financeira valorou a colaboración de todos integrantes da cadea de valor como “un elemento esencial para que o sector siga crecendo na dirección adecuada”. Francisco Botas situou dentro desa mesma filosofía de colaboración a participación no padroado da Fundación Arume e a planificación de eventos como o de hoxe, co que ABANCA proporciona “un servizo diferencial e de valor aos nosos clientes para que poidan tomar as mellores decisións para a xestión dos seus negocios”.
Desde a área de Sostibilidade de ABANCA están a impulsarse outras iniciativas en coordinación con outras áreas da entidade, como son as bancas sectoriais ABANCA Agro e ABANCA Mar.
Sector prioritario
O conselleiro do Medio Rural, José González, destacou o potencial forestal de Galicia e sinalou que a aposta da Xunta por este sector “é unha prioridade”. Neste sentido, engadiu que se trata de dar un pulo especial á prevención e á recuperación sobre calquera outra planificación, de xeito estratéxico e integral.
Na mesma liña, González salientou o papel protagonista do forestal nas propostas de Galicia dentro dos fondos Next Generation. Son iniciativas que -destacou- “buscan adaptar o noso monte ás novas esixencias, adiantándonos e potenciando a biodiversidade, a bioeconomía, a sustentabilidade e a circularidade”. Indicou ademais que se procura xerar ecosistemas empresariais tecnolóxicos e dixitalizados que, a maiores, permitan crear emprego “poñendo a Galicia como referente europeo”.
En parecidos termos, o conselleiro puxo en valor tamén a revisión do Plan forestal, que se está a ultimar e que, segundo sinalou, “procura revalorizar e mellorar a calidade do noso monte, a súa eficiencia, a súa produtividade, a súa rendibilidade e a súa competitividade”.
Por último, o titular de Medio Rural agradeceu a aposta de Abanca polo forestal en particular e polo agro galego en xeral, que se pon de manifesto, trasladou, pola implicación constante desta institución “tan galega”, sempre presente no sector primario.
Bioeconomía e compensación de CO2
Eduardo Rojas, coordinador da Plataforma Xuntos polos Bosques e decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes, defendeu a bioeconomía e a xestión dos bosques como unha "oportunidade de ouro" para xerar grandes beneficios económicos, ambientais e sociais en retos como a obtención de materias primas e enerxía, o reequilibrio territorial e demográfico, e a loita contra o cambio climático.
Marta Hernández, da Oficina Española de Cambio Climático do Ministerio de Transición Ecolóxica, cifrou en 1.347 o número de organizacións inscritas no rexistro de pegada de carbono, un mecanismo creado para cuantificar, reducir e compensar emisións de CO2. A experta explicou o potencial do sector forestal como ferramenta de compensación de CO2 para as organizacións, xa sexa a través da plantación de bosques propios ou facendo uso de terreos de terceiros.
José Carballo, presidente de Arume, referiuse á fundación como a “ventanilla" para que as empresas, sobre todo as galegas, canalicen os seus investimentos para compensar as súas emisións de CO2, e apostou por converter a Galicia na primeira rexión europea descarbonizada, o que reforzaría o seu potencial para acoller proxectos industriais tractores.
Por parte, Sabela Oca, responsable de Innovación, Calidade e Seguridade Alimentaria de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), presentou o proxecto de colaboración entre os sectores agroalimentario e forestal a través do cal CLUN iniciou unha actuación de compensación das emisións procedentes da súa actividade industrial en alianza coa Fundación Arume.