Francisco Botas presenta a estratexia dixital de ABANCA na Universidade Internacional Menéndez Pelayo
- O conselleiro delegado da entidade financeira presentou en Santander a ponencia 'A banca na era dixital: innovación e evolución'
- Francisco Botas: “No novo escenario os bancos desempeñarán un papel máis relevante e proactivo na vida diaria dos seus clientes cun enfoque clientecéntrico a través da omnicanalidade”
- Innovación, experiencia do cliente, medios de pago e big data, claves da estratexia dixital de ABANCA, que en 2015 investiu 82 millóns de euros en tecnoloxía
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, participou hoxe en Santander no seminario 'Desafíos da economía española', curso organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo para analizar as expectativas actuais da economía nacional a través das reflexións de destacadas personalidades da vida económica sobre as súas dimensións fiscal, monetaria, financeira e comercial.
Baixo o título de 'A banca na era dixital: innovación e evolución', a ponencia presentada por Francisco Botas estivo centrada no proceso de transformación que a tecnoloxía, en combinación con outros factores, está a impulsar no sector financeiro. Na súa opinión, no novo escenario “os bancos pasarán de ser facilitadores de transaccións e provedores de servizos financeiros a desempeñar un papel máis relevante e proactivo na vida diaria dos seus clientes cun enfoque clientecéntrico a través da omnicanalidade”.
Na súa intervención, o conselleiro delegado de ABANCA debuxou un novo escenario para o sector financeiro caracterizado pola evolución tecnolóxica e de experiencia dos consumidores, a presenza de novos actores (grandes tecnolóxicas e startups fintech), a prevalencia de tipos en mínimos e a intensidade regulatoria.
Resposta aos novos retos
Frente á influencia destes factores, Francisco Botas destacou a importancia para as entidades financeiras de “mellorar a experiencia dos seus clientes en base á innovación e os servizos de valor engadido”.
No centro deste proceso de transformación sitúase a banca dixital, que “non é só unha cuestión de eficiencia e transacción, senón que require transformar o modelo de negocio e relación co cliente, así como novos recursos e capacidades en tecnoloxía, procesos e persoas”, sinalou o conselleiro delegado de ABANCA.
Como ámbitos máis importantes nos que as entidades financeiras deben xerar respostas aos novos retos, Francisco Botas sinalou o coñecemento do cliente a través do aproveitamento intelixente do big data, “elemento clave para xerar unha oferta de valor para o cliente”, as novas necesidades tecnolóxicas derivadas do incremento das transaccións e os requirimentos de ciberseguridade, a creación dunha experiencia de cliente única para as diferentes canles dixitais e físicas, cun novo papel para a oficina bancaria, e a implantación dunha cultura innovadora que xere unha nova forma de traballar nas organizacións.
ABANCA Dixital
Na súa intervención, Francisco Botas referiuse tamén ás actuacións que ABANCA está a desenvolver desde unha visión clientecéntrica para situarse como unha das entidades de referencia a través dun novo modelo de distribución omnicanal ao redor de diferentes canles como a oficina bancaria, a banca móbil, as oficinas a tempo parcial, as redes socials, a banca electrónica, etc.
No ámbito do coñecemento do cliente e as súas necesidades, a entidade implantou unha nova axenda dixital baseada en tablets Microsoft Surface con alta mobilidade e unha nova sistemática comercial que permiten un seguimento máis próximo. Ademais, a través da aplicación do big data está a incrementar a súa capacidade para xestionar información, aproveitar fontes externas e explotar datos desestructurados.
No terreo da arquitectura tecnolóxica ABANCA reforzou a súa capacidade para lanzar produtos e executar proxectos complexos en prazos curtos (time to market), implantou a xestión de procesos completamente dixital e incrementou as súas posibilidades de procesado e almacenamento de datos. ABANCA foi a primeira entidade española en ofrecer a identificación por pegada na súa banca móbil e o único banco europeo co máximo nivel (5) de certificación CMMi®.
Banca electrónica e móvil
Polo que respecta á experiencia do cliente, ABANCA dispón da app de banca electrónica mellor valorada do mercado español por axilidade e prestacións (estudo Mobile Banking Spain 2016) e avanza cara á posibilidade de contratación 100% on-line dos seus produtos. A entidade dispón de solucións propias para retirar diñeiro ao instante sen necesidade de tarxeta nin transferencias (ABANCA Cash) e enviar diñeiro de maneira instantánea e gratuíta de móbil a móbil sen número de conta (ABANCA Pay). Ademais foi a segunda entidade europea en ofrecer o servizo de pago vía móbil Samsung Pay.
En 2015 ABANCA investiu 82 millóns de euros en innovación e tecnoloxía. O 40% dos seus clientes son usuarios da súa banca electrónica, cun incremento de 8 puntos no último ano. A banca móbil pasou a ser a segunda canle por transaccións, cun crecemento do 78%.