Francisco Botas presenta o modelo de financiamento a empresas de ABANCA no Congreso Nacional de Directores Financeiros
- Cun incremento do 15,8%, ABANCA é a entidade con maior crecemento do crédito entre decembro de 2014 e xuño de 2018
- O conselleiro delegado de ABANCA sostén que o marco para o financiamento e o investimento “segue sendo favorable”
- Boas condicións e desenvolvemento de fórmulas equiparables ao acceso aos mercados, claves do gran peso do financiamento bancario a empresas en España
O conselleiro delegado de ABANCA, Francisco Botas, interveu hoxe no 3o Congreso Nacional de CFOs (directores financeiros), que tivo lugar en Santiago de Compostela. O evento, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) en colaboración con ABANCA e outras empresas e organismos públicos, reuniu a máis de mil asistentes no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia para tratar, da man de destacados líderes empresariais, temas como a análise da contorna económica mundial, o impacto do blockchain, a automatización de procesos, ou as novas competencias do director financeiro.
A intervención de Francisco Botas estivo centrada nas formas de financiamento e investimento que a actual contorna económica e financeira ofrece ás empresas. “O marco para o financiamento e o investimento segue sendo favorable a pesar da contorna actual”, sinalou de acordo con previsións que apuntan ao mantemento de tipos negativos até 2019 e próximos a cero até 2021.
Nun contexto de clara recuperación do crédito a empresas, Francisco Botas describiu a estratexia que está a permitir a ABANCA ser a entidade con maior crecemento do crédito a clientes entre decembro de 2014 e xuño de 2018, cun 15,8% fronte a cifras negativas da maioría de entidades. “Apoiámonos nun dos niveis de liquidez, solvencia e saneamento máis elevados do sector, un modelo de banca especializada e orientada ao cliente, e un emprego da tecnoloxía que nos permite ser o socio dos nosos clientes empresariais no seu proceso de dixitalización”, explicou.
Vocación de estabilidade e servizo
O conselleiro delegado de ABANCA trasladou aos asistentes o modelo de relación banca-empresas que propón a entidade. “Temos vocación de estabilidade na nosa relación cos nosos clientes empresariais, mesmo nos momentos de dificultade”, explicou. Como exemplo referiuse ao programa A-Impulsa, lanzado polo banco para apoiar a empresas viables que atravesen situacións desfavorables co obxectivo de normalizar a súa situación nun prazo de dous anos. Até o momento a entidade colaborou con 363 empresas, ás que proporcionou máis de 300 millóns de euros en financiamento.
Así mesmo, Francisco Botas explicou as razóns que explican o menor peso do financiamento non bancario en España, un 8%, en comparación cos niveis doutras economías da nosa contorna, como Estados Unidos (34%) ou a Unión Europea (14%). “O sector bancario español ofrece as mellores condicións de financiamento para empresas, e ademais desenvolveu fórmulas equiparables ás alternativas existentes nos mercados, evitando algúns dos seus inconvenientes de custo ou complexidade de acceso”, destacou. O conselleiro delegado puxo como exemplos os importes dedicados por ABANCA a modalidades como o financiamento estruturado (1.400 millóns de euros), o financiamento a medida de proxectos (1.000 millóns), o tax lease (3.000 millóns) ou o confirming e anticipo de pedidos (580 millóns), entre outras.
O conselleiro delegado do banco con sede en Galicia tamén mencionou o labor de intermediación, baseada na conversión de préstamos en instrumentos como bonos garantidos, titulacións ou vendas de carteiras, coa cal a banca española favorece o acceso das empresas aos mercados.