Gran interpretación da Orquestra ABANCA ReSuena no seu concerto de Nadal
O auditorio principal do Palacio da Ópera da Coruña encheuse de público este domingo 17 de decembro para gozar do repertorio musical escollido pola Orquestra ABANCA ReSuena para o seu concerto de Nadal.
Pezas populares e do Nadal como ‘Campá sobre campá’, ‘Noite de Paz’ de Joseph Mohr, ‘Vinde ver ou neno’ de Fuxan vos ventos ou ‘Jingle Bells’ de James Pierpont compartiron atril con ‘Marcha Radezky’ de Johann Strauss, a panxoliña popular ‘Tamborilero’ e ‘Chamambo’.
Os 186 nenos e nenas que participan no proxecto que desenvolve a Orquestra Sinfónica de Galicia co apoio de ABANCA realizaron unha brillante interpretación dos temas seleccionados baixo a batuta de Diego Zecharies, director artístico e musical do proxecto e contrabaixo principal da OSG, ademais de solista de prestixio internacional.
No concerto participou tamén o coro de mans brancas do colexio Nosa Señora do Rosario, que forma parte tamén da iniciativa que se desenvolve neste momento no Centro Cívico de Monte Alto e o CEIP Alborada de Elviña.